Celebración, de Gonzalo Hermo e Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, “Premios da Crítica 2015” na modalidade de lingua galega

Foto: Salvador Sas (Efe)
Foto: Salvador Sas (Efe)

Tiven a fortuna de participar, esta mesma mañá na cidade de Pontevedra, nas deliberacións que determinaron os “Premios Nacionales de la  Crítica 2015″ que concede a Asociación Española de Críticos Literarios presidida polo crítico galego Ángel Basanta. Fíxeno  representando ás miñas compañeiras e compañeiros da Asociación Galega da Crítica que decidiramos, previamente e por votación celebrada o 27 de marzo de 2015 na aula CO4 da Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, galardoar á novela  Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga (Edicións Xerais), na modalidade de narrativa, e mais a Celebración, de  Gonzalo Hermo (Apiario),  na modalidade de poesía.  Moitos parabéns aos dous autores e  parabéns igualmente ás editoriais que os fixeron posible.

     Reproduzo abaixo a nota á informativa que dei lectura na rolda de prensa na que se deron a coñecer as obras galardoadas en todas as linguas oficiais.

PREMIO DA CRÍTICA, MODALIDADE LINGUA GALEGA

NARRATIVA

Xabier Quiroga (O Saviñao-Lugo, 1961) é profesor de lingua e literatura galegas no IES Laxeiro de Lalín. A súa obra narrativa comezou con Atuado na braña (Xerais, 2002, foi premio Losada Diéguez no 2003), a esta seguiría Era por setembro (Xerais, 2004), Se buscabas un deus (Xerais, 2006), O Cabo do mundo (Xerais, 2009, Premio da Crítica da narrativa galega no ano seguinte) e Zapatillas rotas (Xerais, 2014), novela pola que resultou merecente do Premio da Crítica no 2015.

Zapatillas rotas insírese nun universo literario propio onde asuntos como a busca da identidade se erixe como un elemento fulcral recreando un mundo no que o legado que o pasado nos deixou e mais a súa proxección no presente se dan a man. No caso da novela galardoada exhíbe con mestría recursos  como o contrapunto, o multiperspectivismo e a redución temporal, levados do protagonismo dun ancián que foxe do centro xeriátrico onde está internado. A seriedade do asunto, onde a visión crítica e case cáustica que se ofrece da vellez salienta por dereito propio,  non dá as costas a relato que recorre a outras vías como o humorismo e o divertimento ao tempo que recrea dúas historias de amor e outra de filiación máis policial, ao servizo da relevancia que ocupa a memoria e a relevancia da súa transmisión.

 

POESÍA

Gonzalo Hermo (Taragoña-Rianxo, 1987). Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela na actualidade traballa no Instituto da Lingua Galega. Comezou a súa andaina literaria con poemas que se acolleron en revistas como Dorna, Andar 21 ou Nova Ólisbos. En 2011 publica o seu primeiro poemario Crac (Barbantesa) e Celebración, libro galardoado na modalidade de poesía viu a luz no  novo selo editorial dirixido por Dores Tembrás e Antía Otero baixo o nome de Apiario.

 

Celebración

Mentres o seu primeiro libro, Crac, indaga terreos como son o cuestionamento arredor da violencia, a dor e a perversión da Historia, este é un libro no que tanta importancia pode ter o que se di como o que non se di. Nun contexto pletórico de carnalidade salienta a incursión nun mundo de ausencias desde unha perspectiva allea á nostalxia para constatar o paso do tempo e mais as ruínas existentes desde as que crear algo novo, e festexalo pois tal e como o poeta escribe «Non tememos a morte. / Levámola dentro. / Celebrámolo».