A semana pasada a revista Criaturas acolleu unha recensión, baixo o título de “Libros ilustrados que exploran novos territorios” centrada en Cor animal, de Maya Hanisch e Agustín Agra e en Antoni Gaudí, de Dàlia Adillon Marsó (publicadas en Faktoría K de Libros e Kalandraka respecticamente). A recensión pódese ler abaixo ou premendo aquí.
Cómpre saudar, mesmo con efusión, estas dúas novas publicacións que chegan no formato de libro ilustrado pois simbolizan dúas conscientes escollas, entre as innúmeras posibilidades que existen, que abren novas perspectivas e horizontes para o xénero, instaladas sempre no criterio da excelencia, aplicable tanto aos contidos como á dimensión máis puramente estética.
Cor animal, que chega coa bitola de ser galardoado co premio Purple Island, no seo do concurso internacional de libros ilustrados “Nami Island” en Corea, apunta a versatilidade que exhibe unha voz “narrativa” como é a de Agustín Agra, de quen sigo con interese crecente as súas achegas narrativas desdobradas, ata o de agora, no eido da literatura infanto-xuvenil e na de adultos. Neste formato que agora Agra ocupa adóptase unha perspectiva acaída e, ao meu xuízo, situada nese xusto punto medio para o lectorado que en primeira instancia está dirixido: persoas con limitada experiencia lectora e que procuran, simplemente, gozar coa lectura, tendo nas mans un libro de título enigmático e cuberta ben atractiva. Por riba Cor animal posúe excepcionais condicións desde a súa inspiración inicial para aprender e fomentar a curiosidade case sen decatarse. Mais, cales son os seus contidos? Xustamente os de presentar, de xeito transparente e suxestivo, aqueles trazos singularizadores e comportamentais máis esenciais e distintivos dun feixe de diferentes animais de terra, mar e aire, nun sentido xeral, deseñados secuencialmente nunha linguaxe sinxela, onde a metáfora é sempre contida e accesible, posibilitando -e aí radica ao meu ver un dos seus grandes logros- achegarse á ciencia e á bioloxía en particular, dunha maneira nada críptica, isto é, salientando con sutileza os valores e relevancia, facéndoa tanxible, real, diversa e, tamén fermosa.
Se a responsabilidade que lle tocou en sorte a Agustín Agra neste libro non merece máis que un aplauso, boa parte do evidente atractivo que posúe este libro repousa no traballo que Maya Hanisch realizou como ilustradora, facendo uso da técnica do collage dixital, potenciando a diversidade en canto o colorido e a integración de retallos de diversas tipografías da letra impresa tiradas de xornais e revistas co que articula unha lectura visual pouco transitada, ricaz e, ao meu ver, moi efectiva.
Por outra parte, Antoni Gaudí, de Dàlia Adillon Marsó, en tradución de Xosé Ballesteros, amosa esa variedade de tipoloxías que enriquecen o libro ilustrado e que, neste caso, se podería nomear como “biografía ilustrada”, moi acaída para un lectorado que comeza a dar os seus primeiros pasos. Neste volume, finalista da última edición do Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado, autora e ilustradora coinciden polo que se establece unha proposta compacta e natural que incorpora un breve e sinxelo percorrido narrativo por aquilo máis esencial que cómpre salientar respecto da biografía do arquitecto catalán, a carón da interpretación artística do seu universo máis íntimo que vai desde o seu entorno familiar, pasando polo período de formación, os lugares que amou e nos que viviu até o legado que nos deixou en forma de obras de arte marcadas pola evidente querenza que exhibiu respecto do naturalismo. Un camiño, ao meu ver, igualmente suxestivo para inspirar semellantes proxectos.