Manuscrito: Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán foi en varias ocasións candidato a protagonizar o Día das Letras Galegas hai poucos anos e a proposta non tivo sorte. Descoñezo se se retomará esta iniciativa e se na RAG se considerará a súa figura e obra no futuro como merecente de recoñecemento. Ao respecto Ricardo Gurriarán publicou Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, nas Ediciós do Castro (1999), un libro aínda fundamental para coñecer a biografía deste autor. Hoxe, por xentileza da Fundación Penzol rescato aquí unha carta depositada no Arquivo Fernández del Riego, datada en 1959, que se centra na revista Vieiros, nuns comentarios procedentes de Manuel Fabeiro, nos proxectos literarios do autor e algunhas reflexións sobre a morte de Ramón Cabanillas, entre outros asuntos. Debaixo da reprodución desta carta incorporo a súa transcrición.

delgado gurriaran
Guadalajara, 2 – Nadal – 1959
Sr. D. Francisco Fernández del Riego
Vigo

          Meu benquerido amigo: Recibín a túa do dezasete de novembro cos tres retrincos da prensa galega. Fólganos moito as gabanzas á nosa revista e dounos moitos azos para seguirmos traballando pola súa continuidade, que se fai indispensábele para que renda froitos proveitosos e non sexa “llamarada de petate” (algo asín como lume de pallas) como decimos en México. Por certo que Fabeiro se trabuca ao chamarme escolante, pois teño a carreira de abogado e, por outra parte, inda que me honra chamándome vello amigo non me lembro dil, agás naturalmente ao travesó dos seus traballos literarios. Si chegas a falar coil, ademáis de darlle os meus saúdos e gracias polos seus bondosos xuicios en col dos meus versos, pregúntalle onde e cando nos temos coñecido, pois teño verdadeiro interés por sabelo.
Estóu, por sorte prás musas, pasando por un intre de desgano poético, polo que nin xeito me dei para facel-a escolma para “Vida Gallega”. Un día calquera, en que me volvan os azos, a fago e cha mando.
Xa soupemos da tristísima nova da morte de Cabanillas. Eu sentía por il moi fonda venerazón, xa que a leitura do seu “Vento mareiro”, libro que merquei de rapaz en Valladolid, foi un forte pulo para as miñas aficións poéticas. Un irmán meu, que vive na Cruña, envioume alguns retrincos dos xornaes daquela cibdade falando do loitoso acontecemento e xa llos mandei, con algunas notas miñas, a México, pra que lle adiquen unha sesión da Radio á lembranza do noso gran poeta.
É moi interesante o que di Cela. Dende logo, a nota que eu fixen foi na sua parte informativa, copiada de Vida Gallega. Faremos a correspondente acraración no segundo número de Vieiros. Fólganos moito o que o gran novelista estea nun plan tan galego. ¿Non habería xeito de conseguir un traballo dil pra Vieiros?
Co ista data envíolle a Velo a túa carta e as notas da prensa.
Unha cordial aperta de,
(asdo. Florencio Delgado Gurriarán)