
Decátome que, tras case cinco anos de existencia deste blog, incorporando contidos de diversa orde día a día case todos de índole literaria ou cultural, un chega a construír dalgún xeito iso que se denomina “identidade dixital”, algo no que nin pensara cando decidín internarme por este camiño. Pensei nisto ao fío dunha intervención na que me inquiriron sobre este blog unas compañeiras críticas nunha mesa redonda sobre a crítica literaria galega na que participei hai unhas semanas.
Nesa mesma intervención afirmei que a faísca que prendeu o meu interese para transitar por este camiño foi a existencia de dous blogs -históricos- que se asentaran por dereito propio, coas súas particularidades, na blogosfera galega como eran -e son- Ferradura en tránsito e Brétemas, dos meus amigos Eyré e Bragado. Este último comentárame un día que a identidade dixital e, por extensión o blog, era unha “maneira de estar”, unha sorte de “comportarse e actuar”, asumindo o que se escribe con todas as responsabilidades mais facéndoo tamén sen crispación. Tentei seguir eses consellos.
Esta xa longa introdución resúltame operativa para comezar a deixar constancia, semanalmente, de acontecementos, experiencias ou opinións que, en moitas ocasións, resultan difícil reflectir aquí. Neste primeiro “A semana vencida” saliento a alegría da concesión do premio Losada Diéguez a Ana Acuña pola súa obra Conciencia política e literatura galega en Madrid, noticia que coñecín onte ao saír dunha xuntanza do Padroado da Fundación Celso Emilio Ferreiro, con moitos proxectos e ánimos renovados para poñer en práctica nos vindeiros meses. Volvendo ao fío, Acuña é unha investigadora guiada polo rigor, a constancia e a xenerosidade e a discreción, valores que moito admiro e, persoalmente, non dubido en xulgar este recoñecemento como ben merecido.
Bo domingo!