O meu pesadelo favorito, de María Solar

María Solar

O meu pesadelo favorito (ilustracións de María Lires)

Galaxia, Vigo, 2015, 184 páxinas, 11,50 €

 

Galardoado co Premio Lazarillo 2014 ao que, como é sabido, poden optar orixinais escritos nas diversas linguas do estado, apareceu xa hai uns meses a edición galega deste libro de María Solar, ao tempo que hai pouco vén de porse en circulación a edición castelá da man de Ediciones Siruela en tradución de Mercedes Pacheco.

     O meu pesadelo favorito amosa algúns dos esteos -ironía, limpeza no discurso expresivo, suxestión crítica, sentido do humor, querenza polo mundo científico, cuestionamento de diversos roles, realidades olladas desde outro prisma- que María Solar vén empregando na conformación dun corpus narrativo de inexcusable interese para a literatura infantil e xuvenil como amosa un estimable currículo conformado, entre outros, por A verdadeira historia da mosca na tele ou As meigas de Lupa.

     Aínda así, esta novela singularízase por serpear polos ámbitos do absurdo ou do nonsense, inspirándose nun modelo extraordinario como é o de Alicia no país das maravillas, de Lewis Carroll, para deitar tamén resultados igualmente extraordinarios. A proposta intérnase conscientemente no ámbito do onírico, cunha Alicia que, con todo, non vive exactamente nun mundo marabilloso mais  onde se posibilita case todo, mesmo ir saltaricando de soño en soño, e ademais vivir eses soños coma se fosen realidade.

   A autora, así pois,  exhibe unha capacidade de fabulación envexable para xuntar con naturalidade e efectividade elementos de filiación ben diversa e encaixalos con solvencia nunha historia. Nese rodopío tan milimetrado un atopa desda presenza de personaxes -ou elementos- pertencentes á ficción científica, pasando por outros que simbolizan o mundo dos avances científicos, ata aqueles que abrazan a crenza no valor da diferenza ou que representan o espírito aventureiro, tamén ben presente neste libro. Todos estes a conviviren con aqueles tirados da vida cotiá, dándose a man con verdadeiros achados como son os capítulos nucleados arredor da imborrable “repartidora de bicos” -atesourándose aí boa parte do máis emocionante e sentido da novela ao meu ver- cou aqueles tecidos por volta do vendedor de olores, ese Arsenio Matute onde non é difícil ver como nel se rende unha homenaxe a Ana María Matute.

       Un libro que, alén de contar cun traballo espléndido de María Lires no apartado da ilustración, goza ademais do mérito o de nos ensinar a relevancia de deixar moi ben pechados os soños…, polo que poida pasar.

 

1 Comment

Os comentarios están pechados.