Biblioteca Filgueira Valverde


Chegáronme hai uns días os primeiros exemplares da chamada “Biblioteca Filgueira Valverde” por cortesía da Editorial Galaxia e deixo aquí constancia deste proxecto convertido en realidade.

    Dous destes títulos recuperan Quintana viva e O vigairo. O primeiro  é unha mostra do percorrido narrativo de Filgueira que inclúe “Os nenos”, publicado orixinalmente en 1925,  entre outros textos. O segundo paréceme particularmente interesante por compilar diversos títulos que até agora resultaban de difícil acceso como a peza que dá título ao volume, publicada en 1927, xunto coa peza teatral Agromar (datada en 1936), editada co pseudónimo de J. Acuña; nesta mesma entrega incorpórase tamén o Aucto de Santa María -unha mostra dun drama sacramental- e mais A monxa-frade: un texto inédito que non chegara a concluírse polo autor e que se destinaba, inicialmente, para a colección “Contos do Castromil”.

     Resúltame plausible a iniciativa de recuperar, asemade, a colección dos “Adrais”: esa enciclopedia do saber ao me teño referido nalgunha ocasión anterior, agora cun formato maior que os volumes que viran a luz en Ediciós do Castro e acompañándose cunhas cubertas que son fragmentos de cadros e deseños de Ovidio Murguía. Segundo fontes da editorial, a estes dous primeiros volumes seguiralle, tras o verán, a terceira entrega e confío que a totalidade da serie.

1 Comment

Os comentarios están pechados.