Cartas de un condenado a muerte (edición de Ana Paula Mejuto e Olivia Rodríguez; limiares de Eduardo Galeano, Xesús Alonso Montero e Ana Paula Mejuto)
Alvarellos, Santiago de Compostela, 224 páxinas, 18,50 €
Non adoito comentar, nin recensionar, libros escritos noutra lingua que non sexa o galego pois hai felizmente abondo en lingua galega para alimentar este blog. Mais, nesta ocasión, teño para min que a excepcionalidade se xustifica de seu polo feito de que o protagonista deste libro –José Mejuto– foi galego, tamén porque o que relata nas súas cartas rescatadas nos toca moi de perto e porque os seus contidos atesouran, desde nós, indubidable proxección galega e universal.
Que ten, pois, de particular este libro? Moitas cousas e, as máis delas, beirean ou máis ben se internan nos eidos da emoción e da historia. Dío Eduardo Galeano, talvez nun dos últimos prólogos que escribiu, cando afirma “La sencilla historia de este obrero gallego, culpable de nada, es la historia de España, condenada a cuarenta años de miedo y casi cuarenta años de amnesia”.
Aí repousa, maxistralmente, a síntese deste volume: a recuperación dun monllo de cartas salvadas do esquecemento e sen dúbida destinadas, tantos anos despois de ser escritas, a converterse en algo máis ca un recordo familiar. A correspondencia sobarda con moito o valor emocional -que tamén o encerra- para testemuñar un capítulo cruel e doloroso do noso pasado. Inxusto sería que ficasen nunha contorna privativa como inexplicable sería que este libro se articulase como unha edición exenta das cartas. Por todo iso resultan ben precisos e clarificadores os limiares que preceden o rescate da correspondencia devandita. Alén da sintética presentación de Galeano, o volume incorpora un conxunto de reflexións que esta achega lle suscita a Xesús Alonso Montero, quen xa recuperara un bo número de cartas de republicanos condenados a norte hai anos e que aquí valora e cifra este como un prodixioso epistolario que se escribiu desde as instancias da dignidade. Abofé que así é tal e como nolo confirma Ana Paula Mejuto, neta do autor que redactou estas cartas, nun artigo traballado, ditado pola emoción, a serenidade, a amenidade, o rigor e o devezo -sen dúbida lícito e mesmo preciso- de xustiza histórica pois nel relátansenos as claves que explican a razón pola que estas trinta e catro cartas se redactaron e chegaron aos nosos días, as causas que levaron ao seu autor polos cárceres de Vigo, San Simón e Pontevedra e os motivos polos que sufriu unha morte inxustificable.

( 9-4-2015) . Con Ana Paula Mejuto, Olivia Tudela e Ruy Farías.
O libro incorpora, aínda, unha completa cronoloxía de José Mejuto, a cargo da súa neta e mais da profesora Olivia Rodríguez, quen moito tivo que ver en que este proxecto chegase a bo porto, alén dunha galería fotográfica e mais o extracto do expediente da causa, fóra das cartas: esas cartas que falan por si mesmas, que convido a coñecer e que me obrigo a empregar, como docente, para ensinar o que a guerra civil foi pois posibilita achegarse a un caso significativo, próximo e terrible do que foron as súas tráxicas consecuencias, aínda que se encolla o corazón. Non me resisto a recuperar, para concluír, un fragmento dunha desas cartas que Mejuto escribe para os seus fillos, internado como estaba no penal da illa de San Simón:
Cuando seáis mayores y hagáis una visita a esta isla, no como yo la he hecho a la fuerza y con las manos atadas, sino en plena libertad, recordad que allí ha estado vuestro padre, que cada rincón de la isla es un recuerdo mío, que aquellos mirtos que forman un paseo era lugar predilecto mío y en el que me entregaba a mis meditaciones, que en él pasaba la mayor parte de las horas del día acariciando la esperanza de algún día ser libre para llevar a mi hogar la alegría perdida y volver a ser para vosotros y vivir para vosotros.
Reblogged this on Fonte da arte.