Ocúpanme hoxe dous títulos que recibín esta mesma semana na miña caixa de correos. Fágoo con moito interese pois ambos os dous son ensaios -un xénero que viu reducida drasticamente a súa presenza nos andeis das librarías galegas- e ambos os dous, que teñen a súa orixe en senllas teses de doutoramento, actualizan e poñen ao día aspectos xerais e particulares da obra de dous salientables escritores galegos do século XX como son Rafael Dieste e mais Ernesto Guerra Da Cal.
Deste xeito, Axóuxere publica Dos arquivos xeométricos -marabilloso título, por certo-, subtitulado “Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste”, prologado por Arturo Casas (o grande estudoso e especialista no autor rianxeiro), e que vén da man do narrador, e biógrafo do mago lucense Manuel Rodríguez Saa, Xosé Díaz Díaz. Na contracuberta deste libro sinálase, suxestivamente, quen Díaz segue aquí un fío que conduce “a esa cerna común na que xeometría e poesía vibran como emerxencias dunha mesma raíz” para desenvolver “un esquema filosófico sobre a realidade e a verdade, sobre o mundo e a razón”. Cumprirá, sen dúbida, lelo.
Por outro lado Joel G. Gômez responsabilízase de Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal, publicado por Através. Prologado por Elias J. Torres constitúe un estudo definitivo de case catrocentas páxinas que analiza polo miúdo tanto a traxectoria literaria do escritor ferrolán como os perfís máis salientables da súa biografía. Outro volume deses que, sen dúbida, son precisos para coñecer con rigor un capítulo literario e cultural do noso pasado.
Reblogged this on Fonte da arte.