Filgueira, con Otero e Celso Emilio Ferreiro ao fondo

As páxinas culturais de La Voz de Galicia acollen hoxe un artigo meu titulado “As relacións epistolares testemuñan os universos literarios de Filgueira” (o derradeiro parágrafo da noticia está subscrito pola redacción, non por min) no que reflexiono sobre a relevancia da correspondencia como factor clave para a investigación biográfica e literaria, destacando a vinculación de Filgueira con Otero Pedrayo. Ao tempo, rescátase un capítulo sobre a vida de Ben-Cho-Shey no que foron determinantes actuacións do polígrafo pontevedrés e mais de  Celso Emilio Ferreiro ao fío da existencia dunhas cartas inéditas. Expreso desde aquí a miña gratitude ás Fundacións Penzol e Celso Emilio Ferreiro pola colaboración prestada.

PD. Reproduzo a abaixo a totalidade do artigo

Está xa en proceso de dixitalización o fondo epistolar de Filgueira Valverde logo dun acordo subscrito entre a fundación homónima e o Consello da Cultura Galega: unha valiosa decisión, pois divulgar este corpus e potenciar a súa accesibilidade constitúen elementos claves para afondar con rigor no coñecemento xa non só dos perfís de quen establecen unha relación epistolar senón, e tantas veces, do propio tempo que viviron.

      Neste sentido, no ano 2009 publicouse unha monografía que recollía a correspondencia entre Filgueira e Otero Pedrayo baixo a responsabilidade de María Jesús Fortes, arquiveira do Museo Provincial de Pontevedra. Na Fundación Penzol atópanse os orixinais destas cartas e rescátase aquí unha delas, reproducida en versión manuscrita por cortesía desta institución, pois nela salienta, alén de testemuñar a fraternal, afectuosa e intensa relación de amizade que uniu os dous derradeiros polígrafos da cultura galega do século XX, a extraordinaria capacidade narrativa de Filgueira. A carta data xustamente do 31 de agosto de 1950, día de San Ramón, e resulta operativa para amosar unha proba fidedigna dos brillantes recursos expresivos que lle confiren á carta unha indubidable intensidade emocional. Na realidade Filgueira compuña un canto á amizade en forma de galano escrito, transitando ademais por motivos -onomásticos e paisaxísticos entre outros- que sabía serían moi do gusto do polígrafo trasalbés.

        Velaquí a transcrición dun significativo fragmento final desta: «Dend´o curuto con lecer vou vendo San Vicente, o Barbanza y-o Lobeira, A Toxa, Arousa, as abas do Castrove, os Coutos, Foxos, Portomouro y-o mar aberto dende as Ons a Sálvora. Direi eiquí os meus votos da túa festa: Que o santo teu y-o que este can nomea fagan ledas as horas na compaña da naiciña e de Fita; que recollan toda a beleza que esta Terra cría as verbas tuas; que a túa vos escoiten en Compostela un dia os meus rapaces; e sobre as ondas de cen anos ledos tenda Deus a sua man, como este ceo, sin néboa, vento, nin lindeira estrema, alí onde canta a aquela cotovía que á veciña Armenteira veu pousare».

Por amizade a Ben-Cho-Shey

Retornado xa do seu exilio venezolano, en 1977, Celso Emilio Ferreiro non dubida en contactar epistolarmente con Filgueira co obxectivo de mover os fíos precisos para estabilizar a precaria situación económica de Xosé Ramón Fernández-Oxea, quen xa non tiña a quen acudir. A resposta de Filgueira non se demora, como se explicita nalgunhas cartas que manexo por cortesía da Fundación Celso Emilio Ferreiro. O humus común no que alentaran Ferreiro e Filgueira nos tempos da República mantívose ao longo do tempo e ambos os dous converxen nos intentos de atopar unha solución diante dun caso que os preocupa e une por riba doutras diferenzas.

        Estas cartas inéditas recollen -como se pode advertir- as diversas posibilidades que Filgueira, ao fío do que suxire Ferreiro, formula: a concesión dunha bolsa vitalicia da Fundación Barrié, a reedición dalgún libro que permitise obter liquidez en concepto de adianto ou a compra dos seus fondos bibliográficos. Filgueira sabe a quen debe acudir e, finalmente, concédeselle a Ben-Cho-Shey unha pensión como queda constancia na carta datada o 7 de xaneiro de 1978, respecto da que me permito chamar a atención sobre un parágrafo de Filgueira ao fío da recensión que dous días antes Celso Emilio publicara sobre o seu libro Quintana viva: o fragmento testemuña a existencia dun espírito común onde primaron, sempre, as confluencias: «Como, de certo escribimos para os amigos, i eu fíxeno coidando en vos, os de sempre, gorenta o saberse lido e comprendido con aqueles con que conversou un, compoñendo».