Centenario de Xosé María Álvarez Blázquez. Construtor dunha cidade de libros (Tui, 1915 -Vigo, 1985)

Visitei hoxe, cun grupo de docentes e alumnado do IES Valadares, a exposición titulada Centenario de Xosé María Álvarez Blázquez. Construtor dunha cidade de libros (Tui, 1915 -Vigo, 1985) que acolle a Casa Galega da Cultura de Vigo e que estará aberta ao público até o 17 de maio.

   Comisariada por Berta Álvarez Cáccamo, Xosé María Álvarez Cáccamo e María Dolores Cabrera Iglesias, gozamos da fortuna que fose esta última persoa -excelente coñecedora da figura homenaxeada- que nos guiou con amenidade polos fondos expositivos, tanto bibliográficos como documentais e doutro tipo, que custodia a Fundación Penzol, xunto con outro material, descoñecido, que provén  do arquivo familiar e que, particularmente, moito me chamou a atención, sobre todo aquel que tiña que ver coa actividade política do autor: velaí o  o prego de cargos acusatorio ao comezar a guerra civil ou documento no que se recolle o proceso que levou á execución do seu pai.  Ao tempo, alén de moitos manuscritos da súa autoría de diverso carácter, gustoume ver un documento, asinado xa por María Luís Loredo “Moraima”, poucos días despois da morte de Celso Emilio Ferreiro e que emitiu a Editorial Castrelos en concepto de dereitos de autor.

    Non é doado articular unha exposición como esta na que cómpre reparar nas numerosas dimensións culturais que un persoeiro como Xosé María Álvarez Blázquez simbolizou alén da literaria, talvez máis coñecida, pois non foi menos relevante o papel que desenvolveu no ámbito editorial, arqueolóxico ou a súa actividade como conferenciante,  docente ou colaborador en numerosos medios de comunicación, ámbitos recollidos na súa totalidade neste espazo.

    Recomendo vivamente a visita a esta exposición, producida pola Editorial Galaxia e Merlín Comunicación e que conta, asemade, con recursos audiovisuais e interactivos que reforzan o seu atractivo. Parabéns ás persoas responsables desta iniciativa.

    A mañá completouse cunha fascinante visita  a Salinae. Centro Arquelóxico do Areal: un auténtico tesouro, é ben sabido, co que contamos na cidade de Vigo  (fotos inferiores cortesía de Anxo Cabada).

O pase de diapositivas require JavaScript.

1 Comment

Os comentarios están pechados.