Manuscrito: Herminia Fariña Cobián

Pouco se sabe, aínda, de Herminia Fariña Cobián (1904-1966) pois alén dos traballos máis coñecidos de Guillermo Rodríguez Lema e os de Aurora Marco, entre outras investigacións, semella abaterse unha lousa de silencio sobre esta autora. Fariña Cobián, antes de publicar ¡Por España y para España! (El libro del combatiente) no ano 1938 e onde inclúe catro poemas en galego baixo o título de “Saudade. Mensaxe galicián”, xa abordara a poesía publicamente co libro de poemas en castelán Cadencias (1922) e Seara (1924), este xa en galego, con trinta e cinco composicións e ilustrado por Luís Pintos Fonseca. Aínda en 1927 daría a coñecer, en Mondariz, Pétalos líricos e antes de se establecer en Bos Aires tería certo éxito como dramaturga, con  pezas como Margarida a Malfadada e mais a comedia La marquesa de Miraflores. A última publicación exenta súa é un folleto de catro páxinas impreso en 1960 e dedicado a Simes (Meaño) a onde volveu nos seus últimos anos e onde tiña as súas raíces familiares: Gabanza e prego á miña aldea Simes.

     Resultoume complicado dar cun texto manuscrito desta autora. Atopei un, que ademais ten o valor de dar a coñecer un texto non compilado, depositado nos arquivos da Fundación Celso Emilio Ferreiro: un  poema que  probablemente Celso Emilio  lle solicitou para algunha publicación que el coordinaba, no ano 1952, e da que agora non podo concretar nin para que proxecto se requiriu nin sequera se foi publicado.

       O poema titúlase “Gabanza e responso ao misteiroso corvo”, dedicado “Ó escrarecido escritore Don Celso Emilio Ferreiro, con fonda ademiración”, e teño para min que resulta interesante pois revela, ademais dos seus inequívocos dotes compositivos, unha orientación temática ben diferente á que se lle adoita apor á autora, internándose polos eidos de certo simbolismo e dunha sutil ironía, incorporando certas claves críticas difíciles de clarexar ao descoñecer o contexto. Velaí como este pranto se dirixa a un “corvo erudito”, “camarada dos xuristas, / dos pedagogos, dos crérigos / dos poetas, dos burgueses / da xustiza  e dos bohemios…”.. Hoxe, vai esta historia dun “corvo xuglar e algo larpeiro”, “bon amigo d´arcaldía”, “mouro por fóra e moi branco por dentro”, coa miña gratitude  á Fundación Celso Emilio Ferreiro pola autorización para a súa difusión.

1 Comment

Os comentarios están pechados.