Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O balcón do meu universo, Concha Blanco

Concha Blanco

O balcón do meu universo

Embora Edicións, 224 páxinas, 18 €

 

Concha Blanco aborda, nesta novela, un dos grandes temas na narrativa de sempre como é o das relacións sentimentais da man dunha protagonista feminina que percorre un camiño cheo de dificultades.

Concha Blanco (Lires, Cee, 1950) conta cun currículo literario ben extenso: alén de participar en numerosos proxectos de índole pedagóxica salienta, por dereito propio e ao meu ver escasamente recoñecido, no ámbito da literatura infantil e xuvenil.

     Mais nesta ocasión Concha Blanco intérnase, como xa fixera con Berta (2001) e Sara (2004), nunha novela para un lectorado adulto e faino cunha proposta de inequívoca intensidade emocional. A protagonista perfilada en todas as súas posibles aristas -tamén nas súas contradiccións- é Lucía: unha muller que loita día a día por superar desencontros e golpes que vai dando a vida, sobre todo ausencias definitivas quer no ámbito familiar -onde sofre a evanescencia da figura paterna- quer naquel que apunta á orde dos sentimentos; ambos os dous xeran un desacougo difícil de aceptar, mais no que non ocupa un lugar menor a axuda recibida por personaxes de carácter moi particular ou mesmo «presenzas» que apelan, se se quer, ao sobrenatural ou ao que resulta difícil explicar.

      Mais non todo son enganos, ausencias ou desencontros emocionais na novela. Non falta nela o recoñecemento que se lle outorga ao papel da muller ou a reflexión sobre a creba que supón a vivencia da emigración no entorno familiar, exhibindo tanto unha apreciable naturalidade na fluencia narrativa como unha adecuación fantástica na descrición de espazos, moi transparentes por exemplo no ámbito docente ao que Lucía pertence. Hai un pouso amargue nestas páxinas polas vivencias que Lucía debe arrostrar, abofé que si, mais tamén xorde sempre un raio de esperanza no confesado abandono do rancor que ela abraza: unha espléndida conclusión para esta novela.

Pódese ler a recensión completa, publicada o 8 de  maio de 2015, no suplemento Fugas de La Voz de Galicia, baixo o título de  “Intensidade emocional”, premendo aquí.

Advertisements

Un comentario en “O balcón do meu universo, Concha Blanco

  1. getuliogregori
    8 Maio 2015

    Reblogged this on Fonte da arte.

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: