Máis alá da fiestra (tradución de Xosé M. González)
Kalandraka, Pontevedra, 2015, 42 páxinas, 15 €
Resulta relevante, non teño dúbida, a aparición deste Máis alá da fiestra que hai poucos días puxo en circulación a editorial pontevedresa Kalandraka. Éo porque supón un paso máis na difusión do legado literario de Sendak, algo que era preciso e que, nesta ocasión, resulta operativo para completar a triloxía dos seus contos oníricos, constituída por este e mais por Onde viven os monstros e Na cociña de noite. O presente título estaba, ademais, inédito na península ibérica e agora aparece traducido nas cinco linguas peninsulares: ao galego por Xosé Manuel González; ao castelán traducido por Ellen Duthie; Allà fora traducido ao catalán por Miquel Desclot; Kanpoaldeko munduan, traducido ao éuscaro por Manu López Gaseni e O que está lá fora, traducido ao portugués por Carla Maia de Almeida.
Orixinalmente o libro publicouse no ano 1981, logo de que o autor viaxase a Alemaña para ilustrar os contos dos irmáns Grimm e, dalgún xeito, non é difícil percibir tanto a influencia dos pintores románticos alemáns como Philipp Otto Runge no artístico e na atmosfera retratada como a impronta que puido deixar en Sendak ese novo contacto cos contos clásicos pois conxecturo que unha relectura destes é o que provoca o desexo de subvertelos.
O discurso narrativo é mínimo, mesmo afirmaría que prescindible, e condúcenos polas responsabilidades que Aida, unha nena cun pai ausente e unha nai allea, ou ao que parece alleada, debe asumir no coidado da súa irmá pequena. Aida ten como refuxio a música e isto será o que fará que a súa irmá sexa rescatada por uns trasnos caracterizados ás claras como a encarnación da maldade. Mais será a propia música, por veces modulada e empregada como se recolle en O frautista de Hammelin, a que devolva todo a unha aparente normalidade onde as cousas non son como deberan pois as responsabilidades que se lle atribúen a Aida a converten nunha pequena Cincenta, neste caso e afortunadamente sen agardar príncipe ningún. Non se dan as costas neste libro ao elemento fantástico, mais tampouco ao dramatismo dalgunhas situacións -reforzado por un expresionismo radical- e sempre hai lugar para a sorpresa e o inesperado. Talvez por iso sexa porque me gusta tanto Sendak. Convido a coñecelo.
