Na presentación de “Son noxento” de María Xosé Queizán

Asistín onte á presentación de Son noxento, o último libro de María Xosé Queizán na libraría viguesa Andel e alegreime de facelo pois creo que foi un acto excelente: moi medido nos tempos e con intervencións intensas e acaídas.

      Gustoume que  Manuel Bragado, quen deu comezo ao acto, fixese referencia a unha efeméride literaria que está a pasar absolutamente desapercibida como é o cincuenta aniversario da publicación d´A orella no buraco da Queizán.  Sinteticamente apuntou algúns dos trazos da achega que supuxo e supón diacronicamente o traballo da autora, marcado pola vontade de “abrir camiños” e dar a coñecer “propostas afoutas que mantiveron un diálogo novidoso co que se facía noutras literaturas”. Respecto de Son noxento sinalou que seguía a transitar polas estremas da innovación e o risco apuntando dous elementos que  a caracterizan como son “a reflexión sobre temas considerados tabús ou agochados na expresión literaria (pedofilia, incesto e violencia contra as mulleres)” e, por outro lado, a forma na que está escrita, isto é, “ese discurso en primeira persoa no que o protagonista relata a súa condición de depredador sexual masculino descrito en exclusiva pola linguaxe na que se expresa (…), un monólogo interior que vehiculiza a expresión de situacións de máxima violencia”. Concluíu Bragado a súa intervención cualificando a obra como unha “gran novela curta, moi valente  e a contracorrente, explorando as marxes do literario, continuando polo ronsel do esforzo e a innovación que caracteriza a autora”.

    Foi tamén un pracer escoitar á profesora Manuela Pena que articulou un discurso breve e intenso reivindicando algúns dos méritos literarios e culturais da escritora viguesa e, ao tempo, o seu escaso recoñecemento ao fío do tratamento invisibilizador que moitas escritoras sofren en diversos espazos críticos ou didácticos. Afirmou tamén que a obra de Queizán non é “produto do azar, antes ben responde a un plan argallado na súa cabeza: encher os ocos que percibía e percibe no sistema literario galego”, algo para que o sempre foi preciso o “cambio de xéneros” mais no que advirte constantes permanentes como son “o compromiso social e político”,”o afán didáctico da súa obra” e a “absoluta modernidade da mesma”, abordando igualmente “temas espiñentos” noutras obras anteriores a esta aínda que destacou como novidade nesta novela o emprego do “monólogo interior” que conceptualizou, moi acertadamente ao meu ver, como unha “lupa que nos achega aos temas da pederastia, aos abusos e a violencia;  lupa que agranda os pensamentos do protagonista e deixa que se amose tal e como é”. Unha novela, ao seu xuízo e particularmente concordo coa sentenza, orientada baixo a pretensión de que “quen a lea, actúe”.

    Finalmente, María Xosé Queizán comezou aludindo á súa propia consideración como una “persoa incómoda, librepensadora e rebelde”, malia que o importante sexa o que escribe. Falou tamén do protagonista do seu libro apuntando que non é o único que experimenta en si a violencia, senón que “está rodeado de xente así”. Detívose tamén no poder e a relación deste co sexo, alén de subliñar a liña que perseguiu na novela de “evidenciar lacras do noso tempo” que xa se sinalaron anteriormente. Finalizou Queizán con dous retallos de prensa na man, acreditando na súa fe nas novas xeracións para denunciar os abusos e a violencia doméstica e de todo tipo ao tempo que nos brindou coa lectura dun poema -(pódese visualizar premendo aquí grazas a Celia Torres), que actualiza o repoludo gaiteiro de Rosalía de Castro convertido agora nun rapeiro, caracterizado asemade como “o noxento; sempre satisfeito  e que nunca se arrepinte do que fai; ese que sempre conclúe afirmando que a culpa é delas“. Unha María Xosé en plena forma, abofé que si.

1 Comment

Os comentarios están pechados.