“Vivir, a pesar de” (no pasamento de María do Carme Kruckenberg)

Era unha persoa que se deixaba ver con frecuencia en Vigo hai algúns anos. Con todo, eu cheguei a ela como lector, descubrindo aspectos que só intuía a través da biografía que lle realizou Mercedes Queixas (Vivir, unha aventura irrepetíbel, 2011) onde se revela tanto a súa sólida personalidade, fiel sempre a uns principios que abrazaban modelos pouco convencionais e heterodoxos, como a importancia dunha extensa obra literaria: un dos seus legados máis prezados.

      Do trato ocasional que gocei con ela lembro a súa extraordinaria memoria, o seu profundo interese pola literatura e a súa cortesía. Hai ano e medio, grazas a unha amiga e cando xa sufría problemas derivados da súa doenza, respondíame ás preguntas formuladas no Cuestionario Proust afirmando, con optimismo, que o seu lema era «vivir», aínda que fose «a pesar de». Ao tempo, soñaba cun «bosque pequeno e verde onde vivir Galiza plenamente»: confío que estea nel para todo o sempre, se é oíndo a Bach e con algo de jazz de certo que mellor.

Onte solicitáronme, desde as páxinas de información cultural de La Voz de Galicia, un pequeno artigo de urxencia ao fío do pasamento de María do Carmo Kruckenberg que deixo arriba. Pode lerse tamén premendo aquí.

3 Comments

Os comentarios están pechados.