Francisco Castro: “Praia da Punta” (O recanto das horas, XI)

Fotografía @Anxo Cabada
Fotografía @Anxo Cabada

O recanto das horas é un proxecto interartístico que pretende xuntar un texto literario creado ad hoc, inspirado nas evocacións que un espazo determinado xera nunha voz creativa, e unha imaxe fotográfica, realizada ao fío desa proposta textual por Anxo Cabada.

Serie: “O recanto das horas”

Cidade: Vigo

Texto: “Praia da Punta”.

Autoría: Francisco Castro.

Fotografía: Anxo Cabada.

Espazo: Praia da Punta (Teis, Vigo).

 

PRAIA DA PUNTA

Cando a lúa se volve poderosa e hai auga dabondo
volve ás augas aquel rapaz que un día fun.
Habitan de novo nos meus beizos
mesturados coa salitre
o sabor da pel salgada daquela rapaza morena
de peitos coma salvavidas
aos que
alegre
agarrei a miña primeira vaga de calor verdadeiro.

Praia rochas praia paquete de Ducados
praia clases de instituto ás que faltei para descubrir
e eu non sabía
o meu soño de soñador de historias.
Praia gamela de goma queimada e
sabor de anfetamina.
Praia AC/DC.

A Punta.
Martin Códax viu o meu amigo
coas meniñas cegadas cara ti.

Agora a miña semente
pasa seráns de aceite e bocadillos no areeiro de cemento.
De cando en vez ven o pai mergullados os ollos nun lugar profundo.
Non lles digo que estou
abrazado a aqueles peitos chicle Niña.