O Piloto. O último guerrilleiro, de Afonso Eiré

Afonso Eiré

O Piloto. O último guerrilleiro

Hércules de Ediciones, A Coruña, 2015, 168 páxinas, 14,95 €

Afonso Eiré ofrece un intenso traballo no que aborda, incorporando novos elementos de análise derivados dun longo proceso de esculca, dimensións vitais e políticas do guerrilleiro Xosé Luís Castro Veiga, prestándolle especial atención ás vivencias dos seus últimos días.

Logo da lectura deste libro advírtese con claridade que Afonso Eiré dedicou tempo e esforzo a achegarse ás pegadas de Xosé L. Castro Veiga (O Corgo, 1915-Chantada, 1965) máis coñecido popularmente como O Piloto e, por extensión, ás actividades de resistencia armada levadas a cabo en pleno franquismo. Darlle forma a todo o material obtido en forma de entrevistas orais e combinado co que din an fontes documentais consultadas, tras mergullarse en hemerotecas e arquivos, por só citar dous esteos sólidos que sosteñen con solvencia este volume,  conxecturo que non é un labor doado pois a decisión que se tome pode determinar a sorte que corre o proxecto.

         E neste caso optouse por unha solución non exenta de riscos como é o da biografía novelada, isto é, articular un discurso que combina e harmoniza ficción -fortemente enraizada nun contexto alimentado por atmosferas reais e que lle outorga ao libro un evidente atractivo- e biografía. Desde as primeiras páxinas Eiré consegue convencer da verosimilitude do que quere contar, isto é, desvela que quere reconstruír o retrato, non teño dúbida que o máis fielmente do que se pode compoñer, non só dos seus últimos días do Piloto cando cae abatido polos disparos da Garda Civil preto de Belesar, senón dun perfil que teima por superar o lugar común que rodea á súa figura e que o  apunta como bandoleiro e fuxido. Todo o anterior completado coa intención de articular unha revisión crítica daqueles movementos políticos no que O Piloto desenvolveu un papel relevante.

         Recomendo, asemade, un complemento ben acaído a esta lectura como é o documental O Piloto, dirixido e producido por Xosé Reigosa e guionizado polo propio Eiré, que estes días se presenta por Galicia adiante.

Esta recensión, baixo o título de “Resituando ao Piloto”, publicouse o 29 de maio de 2015, nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia. Pódese ler tamén na súa integridade premendo aquí.