Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo

Fran P. Lorenzo

Cabalos e lobos

Xerais, Vigo, 2015, 192 páxinas, 16,65 €

Ve a luz a primeira proposta narrativa de Fran P. Lorenzo coa que conseguiu o Premio Blanco-Amor de Novela 2014.

Fran P. Lorenzo, de quen ata o de agora sabiamos do seu labor como xornalista cultural, publica arestora a súa primeira novela acometendo con fortuna un proxecto novelístico nucleado arredor dunha historia na que se irmandan dous eixes que terman dela con solidez, dous esteos que son, por un lado, os membros dunha familia de orixe alemá tantas veces acaroando o abismo persoal e, polo outro, o espazo no que estes alentan e que é a cidade de Vigo, elevada aquí a categoría protagónica serpeando polo século XX nun exercicio que a vivifica e que afonda na súa identidade desde o rigor.

       Novela ambiciosa e con páxinas brillantes onde eses planos, malia seren dificilmente disterables, reparan no rodopío imparable que a cidade da oliveira foi e aínda é, abrazando unha historia que goza dun vértice emprazado no edificio da Gran Vía nº 2: unha atalaia sobre o horizonte da ría que magmatiza todas e cada unha das páxinas até o punto de se converter en metáfora da cidade, en referente substancial das múltiples existencias dos membros da familia Costa Beckmann -espello de relacións intereseiras e de amores «fóra de lei»-, inseridas nas inescusables referencias sociais e políticas de cada tempo mais polas que camiñan todos eles con pulso individualizado talvez confluíndo no desexo de recuperar «unha memoria amputada», de evitar a soidade, de esculcar nos «colapsos das conciencias» para que a devecida procura da verdade se revele, con forza de seu, á conclusión. A cidade que, en feliz onomatopea, Celso Emilio Ferreiro retratou cos tranvías vigueses renxendo Urzaiz arriba «fe / fe, fe, ferrové / ferrové, ferrovello» goza dunha importante e gorentosa novela. Alégrome diso.

O suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, acolleu o 5 de xuño de 2015 esta recensión baixo o título de “Desentullar a memoria”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: