Breviario, en Biblos. Revista Galega de Información Literaria, nº 74

  1. En todos estes anos de colaboracións coa revista Biblos, unha cita sempre feliz para min, manteño sempre a norma de non me referir a libros ou asuntos que teñan que ver comigo ou cos traballos que levo a cabo. Nesta ocasión vou facer unha excepción que tanto as persoas que len estas pequenas reflexións como Carmela González e Tucho Calvo, estou certo, van desculparme pois a miña intención é a de expresar publicamente o meu agradecemento polo seguimento desoutra ventá, neste caso virtual, onde desde hai algúns anos veño incorporando recensións, reseñas, entrevistas, espazos para a creación literaria, información cultural ou literaria que estimo de interese –tamén esta propia columna, abofé- que é o Caderno da crítica. Gratitude, fundamentalmente, a quen transitan por ela para se informar das novidades literarias, mais tamén a aqueloutras entidades públicas e privadas, editoriais, librarías e persoas concretas –imposible citalas a toda aquí- que, con xenerosidade desde o primeiro momento, sempre apoiaron este proxecto que, sen pensalo, verteu unha imaxe dixital de quen o administra e que, por outro lado, tantas e impensables satisfaccións me deu e me dá. Moitas grazas.
  2. Neste mes de maio resulta inevitable se referir ao Día das Letras Galegas. Particularmente sigo mantendo a mesma opinión sobre o pouco acaído, xustamente neste ano, que resultou a elección do personaxe que o protagoniza e remítome tanto á escasa repercusión que o nomeamento gozou nos ámbitos do ensino e no mundo editorial como ao incomodo que a súa designación suscitou nunha parte importante e activa da sociedade civil galega. Dito isto igualmente teño para min que non se pode negar a achega intelectual que Filgueira Valverde realizou ao longo da súa vida, realmente monumental desde o punto de vista da investigación e que, negala ou ocultala, resulta carente de todo sentido.
  3. Conclúo cunha recomendación dun libro que, curiosa e significativamente, non se vende. Refírome a Poétic@, de Fran Alonso, que se pode ler e gorentar neste enderezo virtual: http://poetica.gal/. Unha proposta literaria, arriscada, xenerosa, novidosa, rompedora, inusual e, se non estou errado, con escasas semellanzas noutros sistemas literarios próximos. Convido vivamente a pasear por este libro electrónico pois non deixará indiferentes ás  persoas que o fagan: iso cando menos.