Francisco Luís Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia, Luís G. Tosar (ed.)

Luís G. Tosar

Francisco Luís Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia

Centro PEN Galicia, Santiago de Compostela, 292 páxinas.

O Centro PEN Galicia rescata e actualiza a figura e mais a obra do poeta galego-arxentino Francisco Luís Bernárdez a través dun completo e documentado volume.

Particularmente sabía pouco, moi pouco, de Francisco Luís Bernárdez (Buenos Aires, 1900-1978). Case todo se reducía á súa relevante obra poética en castelán, á amizade que mantivo durante moitos anos con Borges ou Cortázar, ao excelente coñecemento da lírica medieval galego-portuguesa que sempre exhibiu ou a súa achega á lingua galega  cifrada en dúas pezas escritas no noso idioma como foron o Discurso encol do idioma galego (Ediciones Galicia, 1953) e mais as Lembranzas de Castelao, Pimentel e Cabanillas (1967).

         Era preciso, así pois, unha achega como a que Luís G. Tosar acometeu con esta requintada publicación que se xerou no Centro PEN Galicia e que auspiciou a Academia Argentina de las Letras e mais a Real Academia Galega. Nestas case trescentas páxinas que Tosar organizou e coordinou deixa, nalgunha medida, cumprido un desexo que vén de décadas atrás como era o de actualizar e pór en valor a biografía e a obra deste poeta e xornalista galego-arxentino, clarexar moitos socalcos biográficos escuros ou pouco coñecidos, acrecentar datos verdadeiramente relevantes do seu perfil vital e do seu percorrido literario como ben se espella nunha ampla e completa cronobiobliografía previa.

         O volume incorpora un mangado de diversas e coidadas colaboracións redactadas ad hoc para este libro alén dun numeroso material documental e fotográfico até o de agora descoñecido, sen esquecer unha suxestiva e útil selección de textos en galego e sobre Galicia do autor distribuídos en poemas, prosas poéticas e traballos en prosa.  Alguén que deixou escrito “Pra eisaltar a Galiza, nada hai millor qu-entoar os louvores do seu verbo de sempre” ben merecía, non o dubido, un fermoso galano como o presente.

Esta recensión, baixo o título de “A recuperación dun poeta”, publicouse no día de hoxe, 12 de xuño de 2015, nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia. Pódese consultar integramente premendo nesta ligazón.