Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Ulises e as cronoamigas, de Érica Esmorís e Jacobo Fernández Serrano

Érica Esmorís (texto) e Jacobo Fernández Serrano (ilustracións)

Ulises e as cronoamigas

Sushi Books, Cangas do Morrazo, 200 páxs., 15,50 €

 

 

Particularmente descoñecía a existencia dunha proposta textual e visual de xorne semellante en lingua galega até este volume que subscribe o tándem conformado por Érica Esmorís, autora de O poder de Amabel e recente gañadora do premio Merlín 2015, e por Jacobo Fernández Serrano, ilustrador de longa traxectoria.

     Ulises e as cronoamigas, subtitulado como  “Surfistas en California”, paréceme que pode constituír a primeira doutras entregas que, talvez, se poidan engadir a esta constituíndo unha orixinal serie pois entendo como moi positivo que a idea inicial deste proxecto, e a súa laboriosa posta en práctica, gozase de continuidade tanto polo atractivo da proposta literaria como polo que ten que ver co ámbito da ilustración e, atreveríame a engadir, o que di respecto do traballo de maquetación, aspecto este último tantas veces obviado.

      Esmorís incorpora neste libro unha perspectiva moi singular para un lectorado que pode situarse entre os oito e doce anos e que se nuclea, ao meu ver, arredor dun  esteo básico como é a existencia dunha sólida e atractiva protagonista-narradora chamada Ulises, arredor da cal se articula un grupo de amigas de idade semellante que se coñecen polo feito de ter suspendido Historia Contemporánea  e por estaren obrigadas a pasar o verán nun curioso “Colexio Internacional Burato de Verme” para recuperar esta disciplina. A estadía neste lugar é a que posibilita viaxar no tempo, vivir aventuras e ao tempo, instruírse case sen decatarse. O discurso narrativo, e aí radica unha das súas principais novidades e mesmo engadiría que un dos seus valores, vai máis alá das propostas canónicas habituais e introduce elementos que resultan próximos ao lectorado a través da reprodución de moi diversas realidades pouco empregadas como a comunicación a través das redes sociais -emoticonas incluídas-, os resultados que deita a procura de información en internet, o acceso a realidades do coñecemento en numerosas parcelas como son o mundo da diversidade cultural e histórica, o cinema, a gastronomía, a literatura, o deporte, a moda ou os estereotipos sociais, etc., incorporando asemade abondosas suxestións lúdicas e formativas que perfilan un lectorado moi activo, sempre animado por un conxunto de ilustracións de forte impacto visual, acaroadas, ao meu xuízo, ao universo do cómic aínda que non só.

       Convido vivamente a non deixar pasar esta oportunidade para gozar dun libro que, sen dúbida, percorre outro camiño que era moi preciso comezar a transitar. Parabéns por idealo e articulalo con tanto xeito.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: