Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Centro histórico de Vigo. Guía visual, de Basilio Cegarra

Basilio Cegarra

Centro histórico de Vigo. Guía visual

Editorial Galaxia, Vigo, 80 páxinas, 20 €

 

 

Non podo obviar que para min resultou unha lectura impagable e gratísima este novo libro de Basilio Cegarra, profesor de Historia e especialista na redacción de numerosas guías de arte e outros traballos deste carácter. E así foi porque este ensaio, redactado coas palabras xustas e precisas para orientar  na información máis esencial e básica sobre o Centro Histórico de Vigo e apoiado nun corpus apreciable de fotografías, posibilita nalgúns casos descubrir e noutros redescubrir aspectos que, ao meu parecer, resultan aínda hoxe pouco divulgados no que se refire a aquilo que se conserva do popularmente chamado “Vigo antigo” ou “Casco Vello”.

    Así pois, desde o deseño orixinalmente amurallado da cidade este volume permite percorrer as raíces máis antigas da cidade ata as estremas actuais co denominado Vigo novo. Polo medio e medio espazos que, cando menos a quen isto escribe, lle resultan familiares e próximos como son as prazas da Constitución e da Princesa, a Porta do Sol e o Paseo de Alfonso, o barrio do Berbés e tantos e tantos lugares doadamente recoñecibles aínda que outros non o sexan tanto. Da miña lectura particular tiro como consecuencia unha nova valoración do urbanismo conservado do Vigo mariñeiro tantas veces agochado e que cómpre saber procurar, ou a revelación de tres pequenos detalles como son a gran cantidade de exercicios escultóricos que sinalizan estes lugares -tantos deles da man daquel magnífico escultor que foi Camilo Nogueira-, a modificación que se operou no nome das rúas -significativo resulta o cambio da Rúa do Salgueiral a Rúa do Príncipe por mor dunha visita de Alfonso XII á cidade sendo este aínda neno- e, para rematar, o feito de que a célebre oliveira que simboliza a cidade proveña doutra máis antiga que se talou cando se urbanizaron os arredores da Colexiata de Santa María de Vigo.

     Recomendo este libro ás persoas interesadas en coñecer con máis precisión o pasado da cidade viguesa. Teño para min que contribúe, con rigor e amenidade, a que valoremos con maior pertinencia o pasado de Vigo, de onde vimos e o que, felizmente, se conservou.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: