Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A República das Palavras, de Séchu Sende

Séchu Sende

A República das Palavras

Através Editora, Compostela,  164 páxinas, 13 €

 

O escritor padronés Séchu Sende retorna ao espírito do seu célebre Made in Galiza cunha colectánea de relatos nos que agroman os motivos máis transitados na súa obra: a lingua galega a a fe no poder transformador da palabra.

Made in Galiza (Galaxia, 2007), de Séchu Sende, supuxo no seu día un achega singular ao panorama da narrativa galega, avalada tanto polas numerosas reedicións que gozou ata hoxe como pola súa tradución a diversos idiomas. O escritor padronés retoma arestora aquel espírito articulando unha achega composta por diversos textos dos que algúns viron a luz en medios dixitais mentres que outros son totalmente inéditas. Nuns e noutros paira ese trazo característico do autor que é a integración xenérica, isto é, poemas, fragmentos narrativos que beirean as estremas do ensaio ou a crónica, quer sociolingüística quer de índole social, e ficción que camiña en distancias curtas, ben co microrrelato ben co relato máis ou menos canónico. É nestes últimos onde, persoalmente, atopo o que máis me atrae deste libro pois ninguén poderá negar a habilidade que Sende exhibe tanto para tecer o marabilloso, por veces o máxico, no ámbito do cotián, como para saber atopar no cotián o marabilloso, ofrecendo así relatos intensos como o que se ocupa dos carrizos ou aqueloutro que explora a historia das palabras do protagonista da célebre serie televisiva Raíces -Kunta Kinte- a quen se lle negaba a propia identidade ao impoñerlle un novo nome.

         En moitas destas prosas o argumento e tensión narrativa escoa, con proximidade, cara ao ámbito da ironía, da subversión, das emocións, do humor e mesmo por veces deriva cara á constatación das ausencias, sen esquecer esa clave simbólica que precisa desvelarse: unha “res pública” construída con palabras que serve para acreditar no poder destas últimas, isto é, no feito de que a súa presenza ou a súa ausencia pode contribuír, eu tampouco o dubido,  a mudar o mundo.

Baixo o título de “O feitizo da palabra” as páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, acolleron o 19 de xuño de 2015 esta recensión. Pódese ler tamén na súa integridade premendo aquí.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: