A Cabeleira (Poema en 35 idiomas)
Colección A tola soñando nº 1, s/p, 2015.
Cando alguén faga un exercicio de historiografía literaria do acontecido nos últimos anos na literatura galega non poderá perder de vista a Claudio Rodríguez Fer por dous factores que van máis alá da súa intensa e abondosa produción literaria e ensaística. Talves estes poidan nuclearse en primeiro lugar arredor da súa indisimulada querenza cara a darlle corpo a proxectos editoriais singulares como son Moenia, Unión Libre (esta en colaboración con Carmen Blanco) ou a colección “A tola soñando”, que acolle a publicación que hoxe me ocupa e onde a ilustración artística cobra tanto relevo como a palabra e, en segundo lugar, polo feito de alentar o exercicio da tradución de textos propios ou alleos a outras linguas.
Neste sentido o profesor lucense espella estas devanditas intencións cun poema da súa autoría recollido agora na publicación titulada A Cabeleira (Poema en 35 idiomas), que en 1985 acollera a revista Grial, para logo formar parte do seu libro A boca violeta (1987) e mais tarde ver a luz en versión tetralingüe: galego, inglés, francés e castelán. Aínda despois tamén se editaría no ruso e o bretón para agora verse traducido -con ilustracións de interiores de Sara Lamas e cuberta de Carmen Blanco, quen tamén incorpora na contracuberta un caligrama que se reproduce na parte inferior deste apuntamento- a un total de trinta e cinco linguas de todos os continentes entre os que se contan o chinés, o hindi, o quechua, o wolof, o rapanui ou o ioruba por só citar algunhas e que veñen da man dunha mangado de tradutoras e tradutores de indubidable prestixio.
Un recoñecemento explícito no colofón do volume ás vítimas das guerras que o século XX viu pasar e para as que se esixe “memoria, verdade, xustiza e reparación” pecha unha edición singular e memorable. Ese poema que comeza “Eu nacín nun país verde fisterra que vagou errante tras manadas de vacas” é hoxe xa patrimonio, desde a versión inicial en lingua galega, de moitas literaturas. Que veñan máis así.