A música dos seres vivos
Xerais, Vigo, 2015, 360 páxinas, 19 €
Seica as árbores non deixan ver o bosque, afirma unha sentenza. Neste caso, ao fío do último libro de María Reimóndez, son esas árbores, eses libros, os que lle van dando vida e forma a un bosque vizoso, que medra desde hai anos con solidez e singularidade, articulando un macrotexto narrativo de enorme alento, que entendo como único e, ademais, resultado dun proceso de reflexión pousado que responde a unha vontade de intervención no noso presente desde a palabra, constituíndo así un caso ben pouco frecuente por non dicir único, xa non só por esa vontade de planificación minuciosa que o domina senón pola feliz realidade e ánimo innovador que supoñen as súas novelas publicadas até o momento. E o afirmado non é unha impresión persoal: remito á ampla comunidade lectora da súas obras, aos galardóns literarios obtidos, á súa presenza continuada como unha das voces literarias referenciais ou á anuencia que concita da maior parte da crítica.
Así pois, ao denominado pola autora como “O ciclo dos elementos” pertence A música dos seres vivos e nela xa se van advertindo con claridade eses fíos que anoan a totalidade da súa obra narrativa, xa non só no que se refire a personaxes ou espazos que aparecen e desaparecen en diversos libros senón, no que é máis substancial talvez, na dinámica de reflexión que as súas novelas convidan a facer desde as instancias -e iso resulta moi do meu gusto como lector- do perfil que realiza das súas lectoras e lectores: intervinientes, activas, atentas e, aínda que pareza unha boutade, do século XXI.
Non se entenda, polo dito até agora, que esta nova entrega está por baixo do horizonte de expectativas que poida xerar. Ben ao contrario: A música dos seres vivos camiña ou alenta con vida propia revelando claves, espazos, vidas de ficción que até o de agora se ignoraban. Mesmo, aínda que fose ao contrario, é esta unha novela que xa pagaría a pena polas súas primeiras páxinas: escintilantes e poderosas, depositarias de tanta forza e alento narrativo que xa turran, de seu, do resto da novela. Mais…. que aborda A música dos seres vivos? Sen dúbida, o tema da propia identidade, levado da man dunha personaxe protagonista que é unha popular e exitosa cantante chamada MK, respecto da que se relatan as súas orixes –nada nunha aldea de Támil Nadu-, o proceso da súa difícil adaptación en Gran Bretaña, onde vive nunha familia de emigrantes en Stirling, asistindo ao vagaroso proceso do éxito acadado como estrela do rock, alén de afondar neses fíos que tecen as relacións familiares e persoais, nomeadamente a que mantén con dúas persoas: Liv, a quen coñece en Stirling e con quen mantén unha dinámica destrutiva, e Gaia, unha muller galega de forte personalidade e con quen se relaciona no tempo presente da novela, personaxe que xa aparecera en anteriores propostas narrativas da autora.
Como é adoito nas obras desta autora o plano estrutural desta peza narrativa resulta, ao meu ver, un dos seus grandes acertos: os seus diversos epígrafes e sub-epígrafes xogan con elementos tirados do campo semántico do mundo da música, que vai desde as “pistas”, que constitúen a urdime que organiza a narración, pasando por “rewind” -centrados nas vivencias da protagonista MK- ou os denominados “fastforward” onde MK afonda na relación con Gaia. Novela, en fin, extraordinariamente documentada e paréceme que esforzada, que se asoma con fortuna a esgazamentos persoais e colectivos do noso tempo e que recomendo vivamente.