Contos de taberna, VV. AA.

VV.AA.

Contos de taberna

Concello de CarballoEdicións Embora, 2014, 96 páxinas, 13 €

 

 

O Concello de Carballo e Edicións Embora articularon unha singular iniciativa consistente en xuntar ilustracións e relatos ltierarios, implicando na súa distribución diversos locais hostaleiros da capital bergantiñá. Velaquí o suxestivo resultado.

Gustei deste proxecto coordinado por Nel Vidal que articula un xuntoiro feliz entre creación literaria e artística, implicando espazos de encontro e lecer como son algúns dos bares e tabernas do concello de Carballo.

         Esta coidada edición, que particularmente me fai pensar nun proxecto máis ou menos parello que viu a luz en Compostela a finais dos anos oitenta, da man da asociación de hostaleiros da Cidade Vella e que chegara a editar un título bautizado co nome de Muralla de Crescornio, resulta operativa, alén de explorar novos espazos nos que difundir un proxecto literario e cultural, para erixirse como un posible e suxestivo modelo que avance no camiño da difusión cultural procurando unha nova interacción entre a palabra literaria –esa que neste libro convida a saber mollar- e a arte da ilustración.

       A compilación de relatos, xunto con dezaseis ilustracións realizadas ad hoc por diferentes artistas, agrupa literariamente un conxunto de voces pertencentes a diversas xeracións e posibilita un encontro plural e diverso entre algunhas máis coñecidas que xa transitan por estes camiños desde hai algún tempo como Ignacio Silva, Ramón Vilar, Farruco Graña, Beatriz Fraga, María Canosa, Paco Souto (cunha composición poética) ou Xurxo Borrazás, pasando por outras que abrazan o xénero case por vez primeira –algunhas delas con moita fortuna ao meu ver-  tal é o caso de  Mercedes Queixas, Rosalía Fernández, Paco Souto ou Cabeza Quiles, ata aqueloutras que particularmente descoñecía como J. A. Andrade, S. Garrido, Henrique Mariño, S. Pazo, Cristina Abelleira ou Alberto Varela e que sorprenden nos máis dos casos polos seus acertos.

      Parabéns pola concepción que encerra este libro e grazas a todas as persoas que o fixeron posible coa palabra e coa imaxe.

Esta recensión, baixo o titulo de “Relatos para mollar a palabra”, publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 26 de xuño de 2015.