Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Unha escolma da poesía galega de hoxe: “Punto de ebullición”, de Miriam Reyes

Miriam Reyes (ed.)

Punto de ebullición. Antología de la poesía contemporánea en gallego

Fondo de Cultura Económica, Madrid, 2015, 294 páxinas, 20 €

 

Supuxo unha regalía recibir un exemplar deste volume hai poucos días -e agradezo especialmente a xenerosidade á persoa responsable desta decisión- pois que un selo editorial do percorrido admirable como é o Fondo de Cultura Ecónómica teña a ben acoller no seu catálogo unha edición bilingüe galego-castelán da poesía galega contemporánea é unha extraordinaria noticia.

    A persoa que se responsabiliza de prologar, seleccionar e traducir os textos ao castelán é Miriam Reyes: poeta de orixe ourensá de quen coñecía -en moi limitada medida- parte da súa traxectoria poética. Sexa como for considero esta antoloxía un relevante paso adiante no que atinxe á promoción e difusión da nosa poesía contemporánea de termos en conta a proxección que pode acadar, mais non só pois á marxe de que cada lectora, cada lector, poida apreciar  -supoño que inevitable e subxectivamente- a ausencia dalgunha voz, o certo é que o labor de escolma de quince poetas baixo o criterio de que nacesen a partir de 1950 e que tivesen, cando menos, máis de dous libros publicados até o momento, admite ben pouca discusión: as traxectorias e as composicións antologadas de Pepe Cáccamo, Chus Pato, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Lois Pereiro, Antón Lopo, Xela Arias -oxalá este sábado poidamos celebrar o que sería unha alegría-, Ana Romaní, Manuel Outeiriño, Xabier Cordal, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Olalla Cociña e Daniel Salgado testemuñan de seu as razóns da súa inclusión.

    Non quixera deixar a ocasión para subliñar a pertinencia dun limiar preciso e moi ben documentado que ha resultar de interese, ao meu xuízo, tanto para as persoas que coñecemos ou nos resulta familiar o devalar da poesía galega de hoxe como para aquelas que se achegan por vez primeira a ela. Co bo pulso contextualízase a produción lírica desde o ano setenta e seis até o presente realizando logo unha revisión que vai ao substantivo dos grupos poéticos e publicacións colectivas deste período, que repara no auxe das voces femininas neste concerto -significativamente as mulleres constitúen case a metade das antologadas neste volume-, analiza a multiplicación de espazos onde está presente a poesía con novos formatos, escenas e espazos e apunta a existencia das diferentes antoloxías que se publicaron nos últimos anos para, ao final, articular unha presentación sintética, mais debedora de lecturas e interpretacións moi atinadas, de cada unha das voces escolmadas.

    No libro sinálase que quere ser, máis unha carta de presentación, “unha oportunidade de pracer e aprendizaxe”. Non dubido que así é e, particularmente, deséxolle a mellor das sortes posibles, isto é, que se lea, que se comente e espalle.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: