Manuel María: militante da lingua e da literatura

Manuel María, á dereita, con Celso Emilio Ferreiro.
Manuel María, á dereita, con Celso Emilio Ferreiro.

A redacción de “Cultura” de La Voz de Galicia solicitoume onte un artigo de urxencia no que sistematizara as miñas impresións sobre a decisión de homenaxear ao escritor Manuel María co Día das Letras Galegas 2016. Incorporo abaixo este breve artigo que tamén se pode consultar premendo aquí.

Das tres voces sobre as que a RAG debateu e votou, ben heteroxéneas, non deixo de recoñecer sen ningún xénero de dúbida que todas elas encerraban méritos que están fóra de toda discusión. Á marxe de preferencias persoais, particularmente agardo que a escolla de Manuel María para protagonizar o Día das Letras Galegas do ano vindeiro faga esquecer polémicas vividas na anterior elección e posibilite que, de novo, o Día das Letras colla pulo e transite polos vieiros do que debe ser, isto é, unha festa literaria e cultural de innegables connotacións identitarias e colectivas que debería resultar operativa para volver unir vontades, esforzos e recoñecementos de todas as partes da sociedade galega, tamén das que este ano se mantiveron á marxe.

       A ampla obra literaria de Manuel María -non só poesía, tantas veces de inequívoco saibo popular e outras tantas felizmente musicalizada, pois tamén se estende á narrativa, á dramaturxia, ao ensaio, aos eidos da literatura xuvenil e infantil ou ás súas abondosas colaboracións xornalísticas-, xunto co seu traballo como libreiro e editor e mais a súa presenza recorrente en numerosas iniciativas culturais que, desde a base, defendeu e impulsou ao longo da súa vida, convérteno nun modelo de análise e difusión extraordinariamente rendible e eficaz en moitos campos, onde non é menor o feito de ser, toda a súa vida e moi conscientemente, un activísimo e insubornable militante da nosa lingua e da nosa literatura.

     Hoxe en día hai xa abondosa bibliografía sobre a súa obra que cumprirá revisar e actualizar mais alegrareime que esta se lea e relea, que se iluminen parcelas pouco coñecidas da súa vida e que o seu herdo se difunda e siga a agrandarse. Ben o merece a súa dimensión máis estritamente persoal, gobernada sempre pola bonhomía e a xenerosidade; ben o merece tamén Saleta Goi, a súa exemplar compañeira e albacea universal.