Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Un bosque novo. Antoloxía da poesía gaélica contemporánea, Carme Rodríguez Alonso (ed.)

Carme Rodríguez Alonso (ed.)

Un bosque novo. Antoloxía da poesía gaélica contemporánea

Editorial Trifolium, Musa pedestris, serie Clea, A Coruña, 121 páxinas, 16 €

 

Excelentes paréceronme as palabras prologais que subscribe a profesora Manuela Palacios para presentar un libro destas características,  como igualmente espléndido o labor que desenvolve alguén como Carme Rodríguez Alonso, profesora que coñece ben a realidade literaria gaélica, para presentar e traducir unha escolma que inclúe trece voces contemporáneas da poesía irlandesa escrita en gaélico á lingua galega.

     Goza de moitos valores este libro publicado por Trifolium e non é menor o feito de tender pontes entre dúas literaturas que, malia os factores de empatía que se deron entre elas, sempre viviron un tanto de costas. É ben probable que da nómina de voces antologadas -Máirtín Ó Direáin, Seán Ó Ríordáin, Maire Mhac An Tsaoi, Mícheál Ó Hairtnéide, Caitlín Maude, Gabriel Rosenstock, Liam Ó Muirthile, Nuala Ni Dhomhnaill, Cathal Ó Searcaigh, Louis de Paor, Michael Davitt, Pearse Hutchinson e Celia de Fréine- pouco digan mesmo a un lectorado avezado mais velaquí unha magnífica oportunidade para constatar a riqueza e polifonía que encerra esta tradición poética contemporánea que discorre por unha pluralidade de asuntos temáticos que van desde a propia supervivencia da lingua gaélica pasando polo espello da vida máis cotiá, desde a invitación á fuxida do materialismo que representan as cidades ata o deseño das relacións sentimentais e a sexualidade; desde a defensa da relevancia do papel da muller irlandesa na súa historia ata a exposición do conflito político; desde o emprego de dinámicas experimentalistas a outras que abrazan o humor, a ironía ou misticismo como trazos caracterizadores. Un imaxinario poético sen dúbida vizoso e suxestivo. Convido a coñecelo.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: