O becho que quería comer á avoa, de Rocío Leira

Rocío Leira

O becho que quería comer á avoa

Galaxia, col. Árbore, 92 páxinas, 9,70 €

 

A escritora ceense Rocío Leira acadou, até o de agora, un apreciable número de galardóns de carácter literario. No que se refire á súa obra publicada salienta Universo Pitágoras, publicado hai tres anos por Biblos: un libro que constituíu unha estrea máis que suxestiva malia que sospeito non se acollese como realmente merecería.

         Chega agora, das mans da editorial Galaxia, a súa primeira tentativa no ámbito da literatura infantil co título O becho que quería comer á avoaacompañado de ilustracións de Cristina Nogales. Tentativa, ao meu ver, ben afortunada pois nela formula un conflito complexo para un lectorado deste idade como é a vivencia da enfermidade no ámbito familiar.

      A autora perfila un texto, así pois, de protagonismo infantil inspirado nunha tenra relación de amor entre avoa e neta, mercé sobre todo á presenza dun personaxe sólido e con personalidade de seu como é esa nena chamada Sara. A simpatía desta última gaña axiña a complicidade de quen vaia internándose nas claves dun mundo sinxelo no que aplica sempre unha perspectiva que en tantas ocasión é dunha lóxica esmagadora. A súa actitude afouta diante da vida e os equívocos que en tantas ocasións provocan os xogos de palabras son operativos para enfrontarse e mirarlle aos ollos directamente ao proceso da enfermidade da súa avoa Celia.  Talvez, xustamente, son esas doses de humor as que resultan precisas para desenvolver acaidamente un asunto narrativo delicado pero ao que resulta absurdo e desatinado darlle as costas. Este libro axuda ben a este obxectivo, non teño dúbida.