Desde as páxinas do suplemento “Fugas” solicitáronme unhas impresións valorativas previas á publicación da novela galardoada na XV edición do “Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia” que recaeu no orixinal Sobrevivindo da escritora Arantza Portabales. Estas ven a luz hoxe na versión en papel das devanditas páxinas e incorporo abaixo a miña lectura desta novela que, como é sabido, verá a luz ao longo do mes de agosto en La Voz de Galicia.
“Sobrevivindo ou a épica de Val”
A décimo quinta edición do premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia revelou unha voz descoñecida na literatura galega: Arantza Portabales, responsable dunha traballada e trepidante proposta
Un galardón como é o de ”Novela por Entregas de La Voz de Galicia”, creo que senlleiro no ámbito dos premios literarios e de traxectoria máis que asentada como as súas quince edicións testemuñan, esixe para a súa resolución nin máis nin menos o que calquera concurso literario require ou debería requirir, isto é, dar cun orixinal que se alicerce por si só tanto niso que se dá en chamar calidade literaria como no feito de que desenvolva, con solvencia e acaidamente, unha intriga suxestiva.
Con todo, neste premio singular, cómpre non deixar de lado un factor fundamental como é a súa publicación case inmediata nas páxinas do xornal día a día pois isto conleva, por un lado, que a proposta literaria posúa un ritmo que permita realizar esas transicións cotiás de maneira efectiva e, polo outro, que teña en conta a feliz existencia dun lectorado heteroxéneo e multitudinario.
Sobrevivindo cumpre con creces os criterios devanditos e mesmo abraza algúns máis que a particularizan nun sentido positivo. Algunhas destas, e talvez se deriven da práctica recoñecida da autora no campo dos microrrelatos, apuntan ao trazo descritivo rápido e solvente que exhíbe, á axilidade depositada no diálogo e á dinámica que imprime a dislocación espacial e temporal da novela que, en esencia, vai e vén Compostela a Madrid e se sitúa a cabalo entre os anos 1984 e 2013. Non ocupa, asemade, un lugar menor o deseño dun personaxe tan sedutor como é o de Valentina Valdés, Tina, ou Val ás veces
Esa vencedora dun programa de telerrealidade con quen un se vai dando conta de que non todo é como parece e última responsable de que se produza ese máxico pacto de complicidade entre a historia e quen a le pois o mundo de Tina non permite nunca deterse, nin sequera no gume das sospeitas, senón avanzar sen respiro até o último parágrafo tras sortear os caneos da voz narradora –chantaxes, un asasinato, o peso da contorna familiar, os ecos das relacións do pasado ou as particulares dinámicas do mundo xudicial- que demostran inexcusablemente o oficio da autora que resolve con fortuna a arquitectura da proposta onde todo vai encaixando milimetricamente coma se, en efecto, dun quebracabezas se tratase.
Alén da satisfacción particular que supón o feito de que unha nova escritora faga a súa estrea na literatura galega mercé este galardón, o certo é que se suma con orixinalidade á espléndida nómina de voces recoñecidas neste premio ata hoxe. Non dubido que ao longo do mes de agosto moitas persoas poderán confirmar algúns extremos desta lectura que aquí conclúo, animando vivamente a acometer a súa lectura.