Veredevere, de Guilherme e Bastardo

Guillerme e Bastardo

Veredevere (limiar de Teresa Moure, deseños de Séchu Sende)

Axóuxere, Rianxo, libro + cd, 56 páxinas + 12 cortes, 20 €

 

O recurso ao crowdfunding ás veces, moitas veces, consegue grandes cousas, sobre todo cando hai talento, bos proxectos e vontade de traballar, e neste caso de todo isto hai ás mancheas. Da man da editorial Axóuxere, que reiniciou un camiño ambicioso hai algúns meses, bota a andar con este título unha nova colección baixo o epígrafe de “Euterpe”; título, por certo, caracterizado pola súa coidada feitura artesanal que funde creación literaria, musical e artística con moito criterio.

    Ofrécese aquí, así pois, Veredevere, o primeiro traballo do dúo Guilherme e Bastardo, que percorre, con heterodoxia e pluralidade, un mosaico de estilos musicais diversos e híbridos que van desde aqueles que visitan a música tradicional cun alento contemporáneo, pasando polo postpunk até o ritmo electrónico entre moitos outros; unha música que, en palabras da responsable do limiar deste libro, Teresa Moure, “saben furar a pedra e derreter a apatia” e que conta neste apartado con salientables colaboracións, entre outras persoas, de nenoescuro, Najla Shami  ou Mig Seoane.

   Literariamente, acompañándose de deseños -e poesías- da man de Séchu Sende, atópanse textos musicados asinados polos propios Guilherme e Bastardo, outros que estes músicos hibridizan con textos da poeta Raida Rodriguez, Arthur Rimbaud, Rafa Yáñez, Márcio André ou Álvaro Cunqueiro, pasando pola célebre “Pandeirada do Che” de Xulio Formoso e Farruco Sesto ata a non menos célebre composición “O atraco” de Celso Emilio Ferreiro que, particularmente, moito me gustou na súa intepretación musical.   Non esquezo tampouco outras letras e poemas de Cremildo Bahule ou Xelís de Toro que completan unha entrega moi recomendable neste verán.