Os osiños , de Else Holmelund Minarik e Maurice Sendak

Unha moi feliz noticia é a publicación, en lingua galega, de catro traducións que Kalandraka acomete dando un paso máis no seu proxecto de reeditar e actualizar a obra de Maurice Sendak. Nesta ocasión os títulos publicados –Osiño, A visita de Osiño, Papá oso volve á casa e mais Un bico para osiño, en versión ao galego de Sandra e Óscar Serna Gómez- son orixinais publicados entre finais dos anos cincuenta e anos sesenta do pasado século e veñen da man, literariamente, dunha voz clásica da literatura infantil e xuvenil como foi Else Holmelund Minarik, que concibiu unha serie de historias protagonizadas por un oso pequeno de moito éxito no seu tempo -adaptacións cinematográficas incluídas- e que, hoxe, talvez pola perspectiva atemporal e cómplice coa que foron tratadas estas historias e as altas doses de sensibilidade e tenrura que atesouran, resultan lecturas ben atractivas e nas que a presenza do trazo Sendak as singulariza con forza propia.

        A serie, na que sobresae unha visión do mundo protagonizada por animais sometidos a un proceso de personificación, percorren diversos espazos maioritariamente naturais e viven experiencias nunha sorte de “locus amoenus” onde o relato de filiación oral cobra unha importancia fulcral. Todos eles, agás Un bico para osiño que se articula como unha pequena novela onde a manifestación de agarimo que é un bico dá lugar a certos malentendidos cruzados por unha visión empática do mundo,  están compostos por relatos breves unidos entre si por diferentes motivos: A visita de osiño nucléase arredor de pequenos relatos que os avós lle contan ao protagonista; Papá oso volve á casa percorre motivos como son as solucións imaxinativas cun certo arrecendo a situacións de corte surrealista e, finalmente, Osiño, a primeira das entregas, achégase a outros motivos como as falsas necesidades, a impaciencia ou, de novo, a necesidade do xogo como elemento básico na aprendizaxe para a vida.

     Unha sorte contar con estas coidadas reedicións en lingua galega. Cousas que posibilita ese magnífico universo que representa Sendak, non teño dúbida.