Pode resultar un tópico mais algo de certo ten o feito de que o verán posibilita dispor dun chisco máis de tempo para se achegar á lectura. Velaquí, expostas dun xeito moi sintético, dez propostas narrativas heteroxéneas entre as publicadas máis recentemente.
1-. Agosto de memoria e morte, de Xoaquín Fernández Leiceaga (Xerais). Sorprendeume, e moi favorablemente, Agosto de memoria e morte, primeira novela deste autor: un suxestivo thriller narrativo que nos sitúa nos últimos anos do franquismo para proxectar unha ollada incisiva, plástica e moi verosímil aos tempos da República e da guerra civil en Noia e non só.
2-. A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro (Galaxia). Outra visión xeracional, neste caso centrada na Compostela dos anos 80, exposta narrativamente cunha vontade híbrida entre a ficción e a crónica ou o ensaio novelado.
3-. A neve interminable, de Agustín Fernández Paz (Xerais). Resulta sempre unha garantía o coidado que deposita o autor chairego en cada nova peza narrativa nova; neste caso un título imprescindible e maxistral para a narrativa de misterio actual.
4-. Feitizo de sangue, de Sabela González (Galaxia). Apareceu hai uns meses esta segunda entrega da coidada triloxía fantástica “As crónicas de Landereina”: un proxecto de garantías e que conta cunha extraordinaria aceptación entre as persoas afeccionadas ao xénero.
5.- Dragal IV, de Elena Gallego (Xerais). O proxecto “Dragal” superou, con creces, as expectativas iniciais dunha triloxía, estendéndose cara a outros ámbitos. Velaquí unha nova entrega que o lectorado fiel agradecerá.
6-. Moraime. Pequena vila con mar, de X.H Rivadulla Corcón (Positivas). Por xunto os pequenos contos que o autor foi lendo durante un par de anos no programa “Un día por diante” da Radio Galega: xénero no que se move con máis que probada eficacia.
7-. O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá (Galaxia). Unha sólida novela inspirada na biografía do artista Manfred Gnädinger, isto é, Man “o alemán de Camelle”.
8-. Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas (Xerais). Primeira novela da autora viguesa para un lectorado adulto onde se achega, coa crueza e tensión precisas, a algunhas das consecuencias da II Guerra Mundial.
9-. A morte vén en chancletas, de Jorge Emilio Bóveda (Enxebrebooks). O autor ourensán segue a percorrer camiños próximos aos xéneros chamados populares: neste caso acaróase ao xénero policial cunha formulación orixinal e grandes doses de ironía.
10.- A música dos seres vivos, de María Reimóndez (Xerais). Velaquí un paso máis na construción deste macroproxecto narrativo que a autora lucense organiza baixo o epígrafe de “O ciclo dos elementos”: unha intensa proposta na que o deseño da biografía de MK resulta operativo para revelar a existencia doutras realidades que tamén están neste mundo.
Este artigo publicouse nas páxinas da revista Biblos. Clube de lectores, nº 75.