Antón Pulido. Cantiga de fonte limpa
Fundación Otero Pedrayo-Xunta de Galicia, 108 páxinas, 22 €
Hai libros que contan cun título afortunado e transparente, eu non dubido que este é un deles: Antón Pulido. Cantiga de fonte limpa. Mais non só é este un libro atractivo por esta razón: nel encérrase a esencia dunha vida dedicada a Galicia e á pintura galega e, ao tempo, posibilita evocar a celebración dun acto feliz como foi a concesión do Premio Trasalba á súa obra; un galardón organizado pola Fundación Otero Pedrayo e que anualmente cadra coa tradicional romaría literaria celebrada na Casa Grande de Cimadevila.
Outorgarlle a Pulido (Bóveda, Amoeiro, 1944) o Premio Trasalba é coma se un arco da vella se volvese duradoiro no tempo e no espazo e unise xa para sempre a dous ilustres veciños de Amoeiro pois o autor de Arredor de si xa apadriñara a segunda exposición do artista no Museo Arqueolóxico de Ourense, en 1972. Nesta ocasión, así pois, converxen elementos que van máis alá de exaltar a exemplar, abondosa e orixinal traxectoria artística do Pulido pintor e gravador que funde con mestría e orixinalidade tradición e modernidade como testemuña, por exemplo, a última das súas obras realizada no cruzamento de Peniche na cidade de Vigo: esa espléndida “Praza das Apertas”, todo un modelo de intervención artística urbana.
O volume, alén de incorporar un abondoso corpus fotográfico de e sobre o autor, inclúe numerosas reproducións dos seus cadros máis salientables e posibilita realizar un percorrido por textos que afondan tanto no seu perfil artístico –con numerosas críticas de exposicións do autor- como no humano, entre as que salienta a “laudatio” que nesta ocasión correu a cargo de Bieito Ledo, na que se revisa atinadamente a súa traxectoria vital e humana.
Manifestaba Pulido que consideraba este premio, sospeito que tamén este libro, como “un soño pois os soños non teñen porque acabar cando un esperte”. Abofé que si, que non acaben nunca, como tampouco o fagan os galanos que son os seus cadros e gravados: ese río que reborda formas e cores.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 24 de xullo de 2015, baixo o título de “Un río a rebordar formas e cores”.