Gatiño e as vacacións (ilustracións de Constanze v. Kitzing)
Kalandraka, Pontevedra, 2015, 32 páxinas, 11 €
Son xa varias as publicacións de Franz Rosell en lingua galega, da man de Kalandraka e co acompañamento da ilustradora alemá Constanze v. Kitzing. Nesta ocasión refírome aquí ao volume Gatiño e as vacacións, en tradución de Xosé Ballesteros, no que é un dos libros máis vendidos na súa categoría nos últimos tempos.
O libro segue os parámetros da serie, en aparencia sinxela pero entendo que resultado dun intenso traballo de puimento e acomodación a un lectorado inicial. Aos elementos comúns noutros libros como son o proceso de personificación de diversos animais doadamente recoñecibles e a contextualización no ámbito máis cotián, súmase nesta ocasión a construción dun discurso, levado con enxeño e sutileza, sobre o que lle pasa pola cabeza ao protagonista cando vai sendo sabedor que a totalidade das súas amigas e amigos dispoñen dun plan diferente, pero plan á fin e ao cabo, para pasar as vacacións fóra das súas casas atendendo ás diferentes situacións familiares e persoais que viven. No avance deste proceso de descubertas, que sen dúbida xera incomodo e desorientación no protagonista, é onde se encerra a clave da intención moralizante, que tamén a hai: pode haber cousas distintas, nos períodos vacacionais, que cómpre entender como divertidas aínda que talvez non se advirtan así en primeira instancia. Non se trata, pois, de mirar para outro lado: antes ben cómpre asumir que as circunstancias poden determinar que non todo ten que ser como lle acontece aos demais e xustamente niso, na actitude e na fantasía, radica o propio gozo pois sempre hai outras maneiras de pasalo ben no tempo de lecer.