Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O World Literary Atlas, en galego

Hai poucos días seguín unha interesante entrevista radiofónica na que se falaba dunha web chamada World Literary Atlas: un proxecto que levaron a cabo, ao que parece con moito éxito na rede, a deseñadora gráfica Elisabeth Breil e mais o xornalista Pablo Santiago. O obxectivo confesado é o de coñecer e percorrer as diversas cidades e vilas do mundo a través do que as escritoras e os escritores fabularon ou reflectiron arredor delas. Particularmente paréceme unha fermosa e suxestiva maneira de establecer un elo entre a literatura e os espazos que coñecemos ou queremos coñecer, e tamén advirto como un acerto o feito de que o Atlas sexa  aberto ás persoas que queiran colaborar nel, incluíndose -alén dos datos básicos do libro do que se tira a cita- unha interesante sección que é a da “contextualización” pois, sen dúbida, axuda a entender moitos aspectos do fragmento escolmado.

    Na amentada entrevista, as persoas responsables manifestaban  que axiña estaría operativa en lingua galega mercé a alguén que se brindaba a facelo de balde. Onte confirmei que en parte xa está na nosa lingua malia que desde esta posibilidade non se poida acceder -supoño que temporalmente- a contidos ningúns. Desde outras linguas si tiven ocasión de ver os resultados que teñen que ver con cidades e vilas galegas -véxase Vigo, A Coruña, Celanova ou Compostela por exemplo- e o resultado é, espero que por pouco tempo, moi pobre. Desde aquí convido a incorporar fragmentos das obras literarias da nosa tradición que se refiran ás cidades, vilas e aldeas que habitamos…, ben sabido é que as hai e a centos. Eu prometo facer algunha.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 29 Xullo 2015 por en Divulgación,Literatura , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: