Inventario do prohibido
Espiral Maior, Culleredo, 2015, 80 páxinas, 14 €
Fura Luz Campello (Guitiriz, 1966), neste Inventario do prohibido, no peso dunha educación e dunha historia lastrada polo peso dunha hexemonía patriarcal e polas inequívocas dificultades do proceso de emancipación da muller.
Faino a través dun monllo de composicións como ben podían ser un feixe de relatos ou un conxunto de reflexións de filiación ensaística; mais, son, inexcusablemente poemas, pois en cada un deles estoupa esa faísca do inaprensible, ese golpe de emoción que agroma no “non lugar” que é a poesía, tal e como advirte Eva Veiga nun luminoso limiar de lectura obrigada. Ao corpo central do libro van chegando regueiros afluentes aquí e acolá que o alimentan e que son unha multiplicidade de situacións, condutas ou pensamentos co obxectivo de construír unha cartografía que evidencia as dificultades palmarias para reconstruír o suxeito femenino aínda hoxe.
Nos poemas, alén do diálogo presente en tantos deles, fálanos unha muller “fractal” e “poliédrica” que repara na dimensión do corpo e dos corpos, na identidade e nos silencios, na invisibilidade e na práctica da violencia, mesmo nas voces que reverberan e que ás veces non se queren oír. Sempre á busca teimosa do espazo negado, aberto á posibilidade compartir horizontes para darlle unha precisa volta ao abecedario do mundo.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas“, de La Voz de Galicia, o 31 de xullo de 2015, baixo o título de “Voces contra as prendeduras”.