Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor

Eduardo Blanco Amor

Xente ao lonxe

Ed. Galaxia, Vigo, 2014, 352 páxinas, 19 €

 

 

Ninguén dubida que Xente ao lonxe é unha das novelas máis ambiciosas escritas en lingua galega no século XX, pola espectacularidade e novidade dunha estrutura de inequívoco saibo cinematográfico e porque nela se espellan as transformacións sociais que sufriu Galicia no tránsito do século XIX ao XX desde ese espazo singular que foi Auria, exhibindo unha galería verdadeiramente impresionante de personaxes e un peso rotundo dunha visión fortemente satirizante.

       Antóllaseme pouco efectivo dicir algo novo dela, mais non tanto o de animar á súa lectura, ou ben relectura, e nada mellor que facelo nunha edición que vén da man do profesor Xosé M. Dasilva quen, tras investigar na Fundación Penzol e no Archivo General de la Administración, recupera con brillantez o orixinal libre das amputacións que a censura lle inflixira hai máis de catro décadas. Unha gran oportunidade para lelo, por fin, libremente.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas“, de La Voz de Galicia, o 31 de xullo de 2015, baixo o título de “Un Xente ao lonxe sen poutas censoras”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: