Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Manuscrito: Ánxel Casal

Reclamaba hoxe Ana Pontón, nunha rede social e con indiscutible acerto, xustiza e reparación para Ánxel Casal, editor e alcalde nacionalista de Compostela, ao fío de que tal data coma hoxe, hai setenta e nove anos, Casal sufriu unha “detención”, primeiro e malfadado paso que conduciu ao seu posterior asasinato, ocorrido quince días despois en Cacheiras (Teo). Outro signo que conduce á rehabilitación da súa figura, e que igualmente aplaudo, é o rescate que propiciou o novo alcalde compostelán, Martiño Noriega, do retrato de Casal que ocupaba un lugar discreto nun corredor do Concello de Compostela e que loce agora nun espazo máis relevante.

   Talvez, así pois, sexa oportuno traer hoxe a esta sección un manuscrito de Casal, concretamente unha carta que lle fai chegar a Ramón Otero Pedrayo, en papel timbrado da editorial Nós desde a súa sé coruñesa, o 29 de novembro de 1929. Agradézolle a Ernesto Vázquez Sousa, especialista na figura do político e editor betanceiro, a cesión deste documento, hai xa ben anos, cando particularmente andaba un a pescudar cal fora o grao de intervención do poeta e mestre ourensán Manuel Luís Acuña no proxecto do xornal republicano e galeguista, de efémera duración, que finalmente recibiría o nome de “El Momento” (incorporo abaixo a transcrición da carta).

Querido D. Ramón:

    Aledoume a nova de que o viernes poderemos darlle unha aperta, agora, ingresado vostede hai que convencer a Antón de que faga axiña o seu ingreso, para poder logo facer campaña pra que ingresen os que están nomeados ou cubrir as vacantes con xente nosa.

     Adxunto cinco exemprares do libro, ao que se lle puxo, seguindo as suas instruczóns, o insignificante prezo de cinco pesetas e de duas reás ôs programas. O custo de ambas cousas é de 870 pesetas. Con ista data mando quince exemprares, cos seus correspondentes programas a Sucesores de Alvarez e Perez (?), en canto teñamos máis faremos nova remesa, xa me dirá se son moitos cen. Eiquí mandei mandei tamén pr´os alumnos de Castillo, ô que, por certo, lle pareceu pouco prezo.

     Seguimos xermolando o do xornal, da linotipia xa lle dixen que estaba pedida, andamos xestionando a merca de unha máquina que haa eiquí na Cruña que é ô que tal pra o choio, tiñamos un baixo en perspectiva e levárono outros, pacencia. Dos nomes que mandou gustounos El Momento, inda que se baralla tamén “Labor” cousa que me gusta menos pois non di nada e “El Momento” xa da xeito de periódico. Roberto propuña “La Tribuna” e “El Popular”, “Altavoz”, “Tierra Nueva”, tamén podían pasar. Pedímoslles tamén nomes a Castelao e como o domingo xa teremos a contesta eiquí, quedará fixado no xantar que celebremos.

    Recibín o orixinal do “Despertar”, moi ben.

   Apertas de,

                               (rubricado Ánxel Casal)

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: