Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas

Ledicia Costas

Un animal chamado néboa

Edicións Xerais, Vigo, 2015, 200 páxinas, 16,65 €

 

Cales son os límites da resistencia e a dor?, como se poden esnaquizar tantas vidas sen remorsos? Sobre estas e outras preguntas reflexiona Ledicia Costas (Vigo, 1979) que segue a transitar  pola construción dun discurso narrativo áxil e sólido como a súa traxectoria creativa testemuña, exhibindo unha linguaxe metafórica medida e efectiva; neste caso novidosa cara aos asuntos que recrea no que é a súa primeira entrega para un lectorado adulto.

            Costas déixase escorregar por algúns dos sumidoiros máis abxectos da historia do século XX como foi a implantación do réxime nazi en Alemaña, reparando nas dimensións que supuxo o feito de que este abrazase a  vesania e a destrución da condición humana como principais distintivos de actuación, sen esquecer, claro é, os conflitos bélicos e os milleiros de mortes que este provocou. E, malia seren previsibles as resolucións dalgúns dos relatos, o certo é que o seu interese radica, ao meu ver, tanto na exposición enxeñosa das reviravoltas que a historia ten para cruzar destinos e vidas como no pulso firme dunha voz narradora que non trema ao describir con crueza as situacións límite que aquí se reflicten.

       A néboa, sen dúbida, desdebuxa os perfís, engana e confunde, mais o animal, como no conto de Monterroso, segue estando aí. Costas lémbranolo.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 31 de xullo de 2015, baixo o título de “Para escorrentar a compracencia”.

Advertisements

Un comentario en “Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas

  1. Pingback: Un animal chamado néboa, de Ledicia Cost...

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: