Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Francisco Luís Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia, Luís G. Tosar (éd.)

VV.AA.

Francisco Luís Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia  (Luís G. Tosar, éd.)

Centro PEN Galicia, Santiago, 292 páxinas, 20 €

 

 

Quen foi Francisco Luís Bernárdez? Que relación mantivo con Galicia? Sendo un referente destacado da literatura arxentina, cal foio seu papel nas letras galegas? A estas, e outras preguntas, responde folgada e rigorosamente este libro.

Hai algúns anos, cando un andaba á busca dun artigo ou unha crónica concreta espallada nos xornais ou nas revistas galegas de comezos do século XX e que hoxe, como daquela, dormen nesas fontes de inestimable importancia que son as hemerotecas e os arquivos bibliotecarios, non resultaba estraño que saltaricasen, en numerosas cabeceiras, colaboracións asinadas por un tal Francisco Luís Bernárdez, figura sobre a que, en Galicia, moi poucas persoas eran as que detentaban a facultade de poder compartir o que del sabían, víndome agora á memoria os nomes de Xesús Alonso Montero, Fernández del Riego, Luís Martul Tobío ou X.L. Méndez Ferrín.

       Para encher esta evidente lagoa e mais para difundir a figura de Bernárdez, chega este volume que non dubido en cualificalo como un dos máis salientables dos que viron a luz entre nós nos últimos meses: un libro particular de autoría múltiple que cabalga entre a cronobiografía, o ensaio divulgativo e a compilación literaria de textos case inatopables ou de moi difícil acceso. Todo por xunto, nunha proposta de gran formato e editada ao abeiro do Centro Pen Galicia, que incorporou un abondoso corpus fotográfico, documental e, xaora, analítico.

      Unha das razóns que xustifican esta publicación é, sen dúbida, a de acometer un rescate para a nosa literatura, para a historia do noso xornalismo tamén, dunha figura que, por diversas circunstancias, navegou entre dúas culturas como foron a arxentina e a galega, resultando bastante ignorada ou esquecida entre nós talvez por ter gastado máis tempo da súa vida na Arxentina que en Galicia. Deste xeito, como debía de ser, voces de aquén e alén mar conflúen aquí para pescudar, baixo a organización do poeta Luís G. Tosar, naquilo que Bernárdez foi, e deixar así  testemuña do seu legado. Velaí como quen se achegue a estas páxinas poderá gorentar dunha precisa cronobiografía e de diversos estudos que beirean o biográfico, pasando por outras achegas entre as que cómpre citar a que repara na súa relación con Galicia e a súa pegada na literatura galega, a cargo de A. Requeixo; a que analiza a defensa activa da lingua galega que Bernárdez simbolizou nalgún capítulo cultural e político do franquismo, da man de Xesús Alonso Montero; a que se nuclea nas dimensións das relacións literarias, amigables e familiares nalgún caso que mantivo con Julio Cortázar ou con Jorge Luís Borges como Fernández Naval ou a propia Aurora Bernárdez nos recordan, ou aqueloutro que valora xustamente o seu percorrido como xornalista, que ben expón o poeta arxentino Antonio Requeni.

      A coda do libro incorpora unha completa escolma de textos en galego e sobre Galicia e mais unha antoloxía poética de Bernárdez, ben operativa para calibrar o papel literario deste autor con raíces familiares e identitarias en Maside, e en Galicia en xeral, das que nunca abdicou. Unha sorte que este libro, coma un facho na noite, faga por alumealo.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 7 de agosto de 2015 baixo o título de “Un sólido e definitivo rescate”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: