Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Agosto de memoria e morte, Xoaquín Fernández Leiceaga

Xoaquín Fernández Leiceaga

Agosto de memoria e morte

Xerais, Vigo, 344 páxinas, 20 €

 

 

O ex deputado socialista no Parlamento de Galicia e economista X. Fernández Leicega publica a súa primeira novela: unha suxestiva proposta a cabalo entre a pescuda policial e o ámbito histórico, con Noia e Compostela como panos de fondo

Nove días de tempo real, que condensan un rodopío incensante de acontecementos ocorridos ao longo do mes de agosto de 1974, a carón doutras plásticas olladas que nos obrigan a revivir sucesos que van de 1931 a 1936, fundamentalmente na vila de Noia e en Santiago, constitúen os parámetros temporais desta estrea literaria de Xoaquín Fernández Leicega.

      Esta proposta, moi coidada estrutural e documentalmente, fai confluír dinámicas que entrelazan a narrativa de investigación e a histórica, e resulta operativa para dirixir unha ollada lúcida aos convulsos días da República e a Guerra Civil que aínda proxectan unha sombra escura e duradoira nos mesmos estertores do franquismo. Todo parte, dalgún xeito, das esperanzas que agroman na vida duns mozos que abrazan a causa do movemento Ultreia e que, aos poucos, esvaran cara a posicións ultraconservadoras de xeito que, pasados os anos, irán involucrándose nun labirinto de prácticas de dubidosa legalidade para que, nese contexto alguén decida intervir para «devolver a orde ao mundo».

     A novela, alicerzada con personaxes sólidos alentando en contextos verosímiles, emprega con acertos recursos que, inspirados na ambigüidade, axudan a manter a intriga até as liñas finais onde todo se resolve, de xeito ben pouco previsible. O exercicio literario de Leiceaga prioriza como materia narrativa asuntos como a memoria e as ideoloxías, mergullándose nos inesperados xiros que pode ofrecer a conduta humana reparando, sobre todo, nas engrenaxes dun poder que procura perpetuarse malia que sexa sobre feridas que nunca cicatrizaron. Non dubido que este Agosto de memoria e morte constitúe unha das gratas sorpresas narrativas deste verán.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 14 de agosto de 2015, baixo o título de “Un ‘thriller’ cos ventos da historia”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: