Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A boca da terra, de Manuel Rivas

Capa A boca da terraManuel Rivas

A boca da terra

Xerais, Vigo, 104 páxinas, 13,50 €

 

Volve transitar Manuel Rivas polo xénero da poesía e faino cun espléndido libro no que se interroga e nos interroga arredor dos conceptos do esquecemento, da natureza e a insurxencia.

A necesidade de expresarnos e lembrar, o poder da linguaxe e o cruzamento incesante de camiños que a vida é percorre este discurso poético de Manuel Rivas que casa, en feliz confluencia, o popular, os haikus e as luzadas surrealistas.

      As composicións abeiradas nun primeiro grupo –inspirado nunha cita de Camões- falan da “terra que se esconde”, suxerindo as descubertas posibles que impactan no cerebro e mais no corazón para deseñar, con rapidez e intensidade, unha cartografía onde o espazo protagonista é a natureza que poboa o ser humano: a terra adquire corporeidade, fala e berra transmitindo o “rumor da Historia”, sen esquecer aqueloutros espazos concretos –Monelos, Zas, Sabucedo, Monte Pindo, Soesto…- sobre os que tamén hai algo que transmitir pois, ao nomealos, os segredos que atesouran nin se perden nin se esquecen.

   Na segunda sección -“A báscula de Ohio”- os obxectos aprópianse da virtude da evocación, desvelándose os ángulos da memoria máis íntima que abraza unha poderosa vontade de subversión imaxinativa para que a ironía, a carón dunha relectura crítica de tradicións, crenzas ou lugares comúns, revele con forza a súa dimensión máis hipnótica. Un conxunto de prantos ou lais, cheos de intensidade emocional, conclúen un libro vibrante e, non o dubido, con vocación de permanencia.

     Da escola dos peripatéticos dicíase que os discípulos aprendían paseando e escoitando. Este A boca da terra paréceme, alén da súa fascinante enxeñaría metafórica e do latexo reflexivo tantas veces real e doloroso que o goberna, fermosamente peripatético: con el aprendemos ao transitar un camiño cheo de revelacións e insurxencias e, de agasallo, emociona.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 21 de agosto de 2015, baixo o título de “O ´ex libris` da terra”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: