Cando tiven a fortuna de coordinar o libro de autoría colectiva Manuel Luís Acuña (Xerais, 2000) quedaron fóra, lamentablemente e por diversas razóns, dúas colaboracións que as escritoras ourensás Pura e Dora Vázquez enviaron para homenaxear o poeta de Trives. Recupero do meu arquivo a colaboración que enviou Pura Vázquez: un estupendo poema mecanografado, con emendas da súa man e rubricado baixo o título de “Neno do Yaracuy“, do que sei que existe unha versión en castelán que se leu nun acto de homenaxe celebrado en Ourense no mes de marzo de 2007, como informaba oportunamente o moi lembrado Marcos Varcárcel no seu blog; nesta entrada facía especial mención á investigación que levou a cabo o profesor Delfín Caseiro e que testemuñaba como Pura Vázquez fora das primeiras poetas galegas en achegarse á poesía en galego na posguerra: “No seu libro Peregrino de amor (Larache) e na sección Lira Galaica hai nove poemas en galegos, publicado no 1943. E dous anos antes, 1941, Pura xa publicara dous poemas en galego en La Región (“O castro” e “Os teus ollos”), só ós dous anos de rematar a guerra civil”.
Aos case xa dez anos do seu falecemento permítome deixar aquí este poema no seu recoñecemento e no de Manuel Luís Acuña.