Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Sectores de fogo, de Xoán C. Rodríguez

Xoán C. Rodríguez

Sectores de fogo

Autoedición, A Coruña, 90 páxinas, 15 €

 

 

Xoán C. Rodríguez, procedente do colectivo Ronseltz, publicara hai xa algúns anos o libro Occidencia (2004) amais de responsabilizarse, en 2010, do apartado literario da carpeta de gravados Combinación finita entre outras achegas e arestora dá a coñecer un novo libro baixo o título de Sectores de fogo.

     Un asasino transexual como protagonista e a construción dunha sorte de manual de instrucións dan corpo a un libro heterodoxo e subversivo, arriscado tamén -e no risco gravita un dos seus méritos- onde as fronteiras xenéricas se esvaen á mantenta: poesía, narración, dramática…, todo resulta operativo para apuntar e disparar palabras como balas e procurar a epifanía do que estas atesouran, agochan e transmiten.

     Entrar neste libro, no seu discurso segmentado e abrupto, supón deixarse levar por outras regras que non son as habituais para acaroarse ás que beirean camiños labirínticos de ruptura e iconoclastia pois axiña se desvelan as clave dun “estado de alterado de consciencia” e de “irrealidade” que responde, claro é, a un plano creativo premeditado como se confirma segundo se van coñecendo os diversos Sectores de fogo. Neles resulta salientable, ao meu ver, a impresión continua de fuxida en base a un movemento imparable, un ir e vir arreo que se converte en furacán que todo o remexe e que nunca se detén, guiados pola man de alguén “que fora e agora era”, asistindo, por veces impávidos, a ese “relato transtornado de quen son”.

     Velaquí o tránsito vital dunha sorte de “outsider” que, sendo perdedor desde a partida, non se detén no proceso de busca e onde o xogo das identidades está sempre presente, coma tamén o clima da violencia que xera ou se xera ao seu arredor sen el querelo. Ao tempo, non é gratuíto o ronsel de preguntas sobre a propia condición humana, sen esquecer esa pista, ofrecida no propio libro, de que talvez esteamos a visionar unha performance, un “simulacro” poderoso e sólido sobre a propia vida, aquela que escorrega polas periferias e as estremas cando só queda “sermos un avantar que se embosca na realidade virtual de extramuros do manicomio” para concluír téndoo todo sen ter nada: incongruidade en aparencia que non é tal, só cómpre asomarse ao noso redor.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 2 Setembro 2015 por en Crítica literaria,Poesía , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: