A galera de Xelmírez
Xerais, Vigo, 160 páxinas, 16,65 €
Dá xenio ler a Xabier Paz pois sempre arroupa con agarimo o seu rexistro literario e con el lévanos aos tempos, ben documentados e espellados con brillantez, da construción dunha galera que sufraga o arcebispo Xelmírez para combater as razzias dos sarracenos.
Neste contexto agroma un conflito onde a suplantación de identidades entre personaxes abre a porta para amosar, desde un ángulo alleo ás conviccións relixiosas, o poder transformador do Camiño. É aí onde a alquimia evidencia o seu poder metáforico: querer coñecerse conduce a renacer, malia que esta vontade veña da vertixe e dos praceres ocultos nunca experimentados pois, ao cabo, estes posibilitan pilotar, por pouco tempo, unha fascinante nave de cristal e non unha galera de madeira.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas“, de La Voz de Galicia, o 28 de agosto de 2015, baixo o título de “Da galera á nave de cristal”.