Xeixos, de Suso Lista

Suso Lista

Xeixos

Embora, Ferrol, 108 páxinas, 15 €

 

 

Suso Lista ofrece a súa segunda incursión narrativa recorrendo, as máis das veces, á semblanza que abala entre crónica e ficción para deseñar un retrato do seu Corme natal, poboándoo así con personaxes e situacións singulares, sempre operativas para construír un vademécum irónico sobre a propia condición humana.

     Neste deseño é o mar -ese murmurio continuo por veces abouxador- a testemuña imperturbable dos aconteceres que se experimentan. Mar e xentes simbolizados felizmente neses xeixos igualados pola aparencia lisa exenta de arestas, mais tamén diferentes entre si a rodaren suxeitos á erosión que o paso do tempo imprime. Xeixos que permiten reflexionar sobre o destino, a morte, a soidade ou a afouteza cun ton, naturalmente, salitroso.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 28 de agosto de 2015, baixo o título “O mar, as xentes e o tempo”.