Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

As últimas galerías, de Xosé María Álvarez Cáccamo

Xosé María Álvarez Cáccamo

As últimas galerías

Galaxia, Vigo, 204 páxinas, 16 €

 

 

Publica Xosé María Álvarez Cáccamo a súa primeira novela: un percorrido emocionado e intenso que se achega ao universo da memoria e das evocacións particulares para reconstruír as claves dunha vida.

Dicía Oliver Sacks, nun artigo titulado “Speak, Memory”, que resultaba impactante asumir o feito de que algunha das nosas evocacións máis queridas talvez nunca chegaran a ocorrer e que mesmo puideron sucederlle a outras persoas. Traio esta afirmación ao fío dunha espléndida novela na que Xosé Mª. Álvarez Cáccamo, xustamente, apela á relevancia da memoria como elemento clave da condición humana tal e como, por outra parte, xa testemuñou noutras obras anteriores de carácter ensaístico ou poético. Así pois, a voz narrativa que ao tempo é protagonista segue o ronsel  dun rodopío de descubertas da man da inestable, fendida, labiríntica e confusa memoria da súa nai, Amalia, muller de vontade sempre pragmática e internada arestora nunha residencia xeriátrica que, con todo, exhibe certos momentos de lucidez en conversas ou a través das fotografías que se lle amosan. A saber máis axudan os testemuños orais aos que o protagonista ten acceso e un mangado de emocionantes cartas rescatadas: material que posibilita alimentar unha intriga memorialística que vai serpeando por espazos interiores e exteriores dunha familia viguesa no século XX.

         Aos poucos revélanse ángulos insospeitados que servirán para que o protagonista interprete doutro xeito a existencia da súa nai, a do seu pai Ramón e a relación de amor que existiu entre eles. Velaí como o proceso consistente en activar a memoria permite anoar presente e pasado e iluminar, como unha epifanía, esas últimas galerías dunha vida. O percorrido faise, ademais, coa palabra axeitada no lugar preciso exhibindo unha arrebatadora beleza formal. Por todo iso esta novela, e probablemente por máis razóns,  non merecería pasar inadvertida: oxalá así sexa.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de setembro de 2015, baixo o título de “Reactivar a memoria, redescubrir a vida”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: