Nos fondos da Fundación Celso Emilio Ferreiro consérvase unha apreciable documentación que explicita a relación fraternal que uniu o poeta de Celanova con Manuel María. Alén da relación epistolar cruzada entre eles ao longo de moitos anos atópanse outro tipo de textos como os que, por cortesía da Fundación CEF, se ofrecen hoxe aquí: tres folios que conteñen as palabras, en clave admirativa e emocionada, que Manuel María leu o 20 de decembro de 1963 no Casino-Ateneo de Monforte de Lemos e que prologaron a lectura que fixo Celso Emilio Ferreiro dun feixe de composicións propias. Este ano, e máis o que vén, Caderno da crítica seguirá a transitar con especial incidencia por retallos textuais que percorran a memoria e o herdo de Manuel María, de quen hoxe se celebrou o seu undécimo cabodano.